A Xunta ingresa o complemento autonómico das pensións non contributivas de 37.000 galegos
O Goberno galego adiantou nove meses o pago desta prestación dirixida ás persoas anciáns e enfermas con incapacidade e para aquelas con discapacidade que perciben o subsidio de garantía de ingresos mínimos
Aumenta a súa contía ata os 218 euros anuais para paliar os efectos da suba de prezos
A Xunta ingresou o complemento autonómico das Pensións Non Contributivas para os 37.000 galegos beneficiarios desta prestación. Mediante esta axuda o Goberno galego reforza as pensións daquelas persoas maiores e enfermas con incapacidade ou con discapacidade que perciben o subsidio de garantía de ingresos mínimos.
A Administración autonómica incrementou a contía desta prestación ata os 218 euros anuais e adiantou o seu pago nove meses para achegalo canto antes ás persoas beneficiarias. A Xunta destina máis de 8 millóns de euros neste complemento para aumentar a súa contía e adecuala ao coste da vida e á suba xeral dos prezos.
O ingreso desta axuda realizarase de oficio a todos os beneficiarios que cumpran cos requisitos, sen necesidade de solicitala nin levar a cabo ningún trámite. Está dirixido a pensionistas de xubilación e invalidez nas súas modalidades non contributivas, persoas anciáns e enfermas con incapacidade para o traballo beneficiarias de axudas periódicas e persoas con discapacidade que reciben o subsidio de garantía de ingresos mínimos.
Ininterrompida
Galicia é unha das poucas comunidades que concede de xeito ininterrompido durante os últimos anos esta axuda extraordinaria que non é obrigatoria, pois son os propios Executivos autonómicos as que deciden mantela.
Neste sentido, a Xunta incrementou este ano o orzamento dirixido á inclusión social nun 25 %. Deste xeito, ademais de aumentar o complemento autonómico das Pensións non Contributivas, tamén subiu as contías da Risga, o das Axudas de Inclusión Social (AIS) e o do Bono Social Térmico.