O Club de Billar Adai, no municipio do Corgo, mellora o seu equipamento co apoio da Xunta

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou as instalacións desta entidade, posta en marcha hai menos de dous anos e que nesta tempada xa conta con 50 socios

O Corgo (Lugo), 3 de abril de 2023 A Xunta de Galicia apoia ao Club de Billar Adai, no municipio do Corgo, ao abeiro da última convocatoria de axudas para a adquisición de equipamento da Secretaría Xeral para o Deporte. Unha axuda que permitiu a adquisición de novas mesas de xogo de billar para esta entidade, que en apenas dous anos desde a súa constitución, nesta tempada 2022-2023 conta con 50 socios e socias que fan os seus adestramentos de forma regular no club. Así mesmo, ten 172 licenzas federativas de xogadores e xogadoras de toda a provincia de Lugo, das que 88 son femininas.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou esta semana as instalacións da entidade, situadas en pleno campo da feira de Adai, nas antigas escolas, para comprobar a marcha do club despois da adquisición deste material e falar de novas colaboracións de cara á celebración de campionatos a nivel nacional.

Arias salientou “a boa marcha deste club, pola repercusión que está a lograr nos circuítos galego e nacional de billar e pola particular aposta da promoción do billar desde un club asentado nun municipio eminentemente rural”. Ademais, destacou a importante presenza de xogadoras con destacadas figuras dentro dun deporte no que, “como en todos, é necesario fomentar a igualdade”.

Así, entre as xogadoras do club figura María Teresa Ropero, que gañou varios campionatos de España e representou ao país en varios campionatos de Europa, así como no Mundial de Bola 9 en China. Tamén gañou o VNEA Woman 9 Ball Masters en Las Vegas en 2018, e na actualidade asiste regularmente a competicións internacionais.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2023