Martina Aneiros avoga pola adopción de medidas inclusivas para paliar a discriminación do pobo xitano na inauguración da mostra Lección Xitana

A exposición, composta por 50 paneis nos que se recolle a historia deste colectivo, pode visitarse ata o 17 de abril na entrada da Delegación Territorial da Xunta en Ferrol

Ferrol, 3 de abril de 2023 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada da directora territorial de Galicia da Fundación Secretariado Gitano (FSG), Eva Vera Ledo, participou esta mañá na inauguración da exposición Lección Xitana, promovida pola entidade e que, desde hoxe e ata o 17 de abril, pode visitarse na entrada da Delegación Territorial da Xunta de Ferrol.

Unha mostra composta por 50 paneis explicativos, cuxo obxectivo “é cambiar a visión que se ten do pobo xitano e ofrecer unha mirada máis xusta e realista. Sen prexuízos nin discriminación...”, sinalou Aneiros na súa intervención.

A delegada territorial avogou pola activación de medidas inclusivas como mellor arma para loitar contra a discriminación que sofre este colectivo e ofreceu unha mirada optimista que exemplificou no caso de José Jiménez, o primeiro policía local xitano de Galicia, que hai unhas semanas tomaba posesión da praza tras completar a súa formación na Academia Galega de Seguridade Pública.

O acto, no que tamén participou a xefa territorial da Consellería de Política Social e Xuventude, María Blanco Aller, finalizou coa lectura dunha declaración institucional aprobada con motivo do Día internacional do Pobo Xitano que se conmemora o próximo 8 de abril.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2023