A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou o convenio de colaboración co alcalde da localidade

A Xunta e o concello do Porriño destinan 450.000 € ao acondicionamiento da vía paralela á liña ferroviaria na contorna do río Louro

Esta actuación acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza

O Porriño (Pontevedra), 3 de abril de 2023 A Xunta de Galicia e o Concello do Porriño investirán 450.000 euros no acondicionamento da vía que transcorre paralela á liña ferroviaria na contorna do paseo do río Louro, segundo o convenio de colaboración que asinaron recentemente a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde da localidade, Alejandro Lorenzo.

 

Esta actuación acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Deste xeito, tal e como explicou Ángeles Vázquez, a Xunta financiará o 70% da obra e o concello asumirá o 30% restante.

 

Neste caso, o obxectivo é mellorar esta vía con actuacións como a substitución do pavimento por unha capa de aglomerado en quente, a instalación de sinalización horizontal para definir a zona ciclista bidireccional e a zona peonil, e a dotación de luminarias con sensores de presencia.

 

Durante a sinatura deste convenio, a conselleira lembrou que, desde a posta en marcha do plan hurbe, mobilizáronse ao redor de 165 millóns de euros para o financiamento de máis de 415 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos, co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas.  No caso deste concello pontevedrés xa se levou a cabo a humanización da rúa Pontevedra ao abeiro desta iniciativa.

 

Ademais, a Xunta destinará 8,6 millóns de euros este ano a seguir apoiando aos concellos neste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2023