A Xunta completará este mes a dotación de equipamento tecnolóxico innovador en máis de 80 aulas adheridas ao Plan de reforma da rede CeMIT

En total distribuiranse máis de 1.300 dispositivos entre impresoras 3D, kits de robótica, drons, gafas de realidade virtual e kits de placas de comunicación e programación
 

O próximo fito do Plan será a substitución dos equipos de sobremesa actuais por novos equipos All-In-One, a entrega de elementos adaptados a persoas con capacidades diversas, así como tabletas, libros electrónicos e dispositivos audiovisuais
 

A dotación de equipamento vai acompañada dun plan de formación de máis de 100 horas destinado ao persoal dinamizador das aulas
 

Ademais, lanzarase unha convocatoria de premios para incentivar o uso deste equipamento e recoñecer a labor dos axentes TIC dos centros CeMIT
 

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2023

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia completará o vindeiro 14 de abril a entrega do novo material disruptivo que está a ser distribuído nas 83 aulas e 82 entidades locais adheridas actualmente ao Plan de Reforma e Ampliación da Rede de aulas CeMIT (2022-2025). O obxectivo deste Plan é mellorar os servizos de capacitación e formación dixital dos centros CeMIT para adaptarse ás novas demandas da cidadanía.

A entrega deste equipamento innovador iniciouse o pasado 17 de febreiro achegando ás aulas CeMIT e tamén ao Centro GaiásTech un total de 130 impresoras 3D, 130 kits de robótica, 665 drons, 260 gafas de realidade virtual e 130 kits de placas de comunicación e programación. Así o explicou esta mañá o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, na presentación destes dispositivos, durante a que destacou que esta dotación está acompañada dun plan formativo de máis de 100 horas para os axentes TIC sobre as aplicacións e posibles usos destes dispositivos.
 
Este material permitirá ao persoal formador ofrecer experimentación cos kits de robótica ou placas de programación  fomentando a aprendizaxe STEAM e abrindo portas ás profesións do futuro. Ademais, eses novos dispositivos posibilitarán o desenvolvemento de novas actividades interactivas a través das lentes de realidade virtual, aprender a pilotaxe de drons e a fabricación de aparellos con impresoras 3D. 

Novos fitos do Plan

O responsable autonómico tamén avanzou os seguintes fitos do Plan como a substitución dos equipos actuais de sobremesa por máis de 1.300 equipos All-in-One, ademais da adquisición de 20 unidades de dispositivos adaptados a persoas con capacidades diversas, 880 tablets, 840 libros electrónicos e 84 complementos audiovisuais.

A distribución deste novo material completarase entre o último trimestre deste ano e o primeiro de 2024, grazas a un marco de Subministración de Equipamento Tecnolóxico para a Inclusión e Capacitación Dixital por un importe de más de 3,6 millóns de euros.
 

Con esta liña de traballo, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia busca ampliar e mellorar a oferta formativa da Rede CeMIT, que conta con preto de 110.000 usuarios e supera xa as 511.200 horas de formación planificadas desde o seus inicios, e a mellora da adquisición de competencias dixitais por parte da cidadanía.

Por outra banda, o director da Axencia autonómica avanzou a convocatoria, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) da primeira edición do “Premio Axentes TIC da Rede CeMIT” co obxectivo de incentivar o uso do equipamento innovador e disruptivo, así como, recoñecer e potenciar a labor das persoas dinamizadoras dos centros que poñan en marcha proxectos con carácter creativo, orixinal, interxeneracional e inclusivo. 

Estratexia Dixital de Galicia

Esta iniciativa enmárcase na Estratexia Galicia Dixital 2030, elaborada pola Axencia autonómica,  concretamente no segundo eixo, Sociedade Dixital e inclusiva, que busca dotar ao conxunto da cidadanía da capacitación dixital necesaria para desenvolverse plenamente con confianza e seguridade no contexto dixital e non deixar a ninguén atrás.

A dotación deste equipamento nas aulas CeMIT terá unha especial repercusión nas entidades locais, especialmente do rural grazas á xestión, captación e aproveitamento do Fondos Europeos, concretamente fondos FEDER  21-27 e fondos REACT-EU.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2023