O conselleiro do Medio Rural participou na inauguración da 43 edición deste evento, declarado de Interese Turístico

A Xunta pon de relevo na Feira do Viño de Amandi a calidade dos produtos da denominación de orixe Ribeira Sacra

Cabe destacar o labor da Administración Autonómica a prol de consolidar o viño galego nos mercados nacional e internacional ao abeiro da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia

Nesa mesma liña, a Xunta destina neste 2023 preto de 5,5 millóns de euros á promoción dos nosos produtos de calidade

Sober (Lugo), 1 de abril de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, asistiu á XLIII Feira do Viño de Amandi, onde puxo de relevo a calidade dos produtos da denominación de orixe Ribeira Sacra.

 

Así, cabe destacar o labor da Xunta a prol de consolidar o viño galego nos mercados nacional e internacional ao abeiro da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, que tamén busca potenciar tanto a imaxe de marca e identidade como o turismo vinculado aos territorios nos que se produce. Nesa mesma liña, sinalar tamén que a Administración autonómica destina neste 2023 preto de 5,5 millóns de euros á promoción dos nosos produtos de calidade.

 

No aspecto normativo, cómpre indicar que figuras da Lei de recuperación de terra como os polígonos agroforestais están a impulsar a posta en valor de grandes áreas de terreo para cultivos de viñedo proxectados para as distintas denominacións de orixe vitivinícolas galegas, entre outros usos. Así mesmo, cabe mencionar o pulo que suporá a futura Lei da calidade alimentaria, para que os produtos alimentarios galegos acaden unha nova dimensión no mercado. 

 

Precisamente no marco da posta en valor das producións agroalimentarias galegas, cómpre destacar a boa acollida dos viños galegos -incluídos os da DO Ribeira Sacra- na Feira Prowein, que vén de celebrarse recentemente na cidade de Düsseldorf (Alemaña). Trátase do evento máis importante do sector do viño en Europa, no que participaron un total de 67 empresas galegas, acompañadas dos seus respectivos consellos reguladores.

 

Viño de Amandi

A Feira do Viño de Amandi chega á súa edición número 43 para render homenaxe, unha vez máis, aos viños desta subzona da denominación de orixe Ribeira Sacra. Os visitantes, poden degustar este viño mencía con diferentes produtos da zona, como queixos, pan ou mel.

A festa, declarada de Interese Turístico, busca poñer de relevo a importancia da actividade vitivinícola na Ribeira Sacra, dando impulso e prestixio ao produto resultante do cultivo da vide nos coñecidos socalcos, no marco da chamada viticultura heroica.

Cabe engadir que a DO Ribeira Sacra está orientada fundamentalmente á produción de viños tintos. A variedade máis cultivada é a mencía, dando lugar a viños de gran calidade, que salientan polos seus recendos limpos, elegantes e intensos, a súa cor cereixa intensa, brillante e cun ribete púrpura. Entre os viños brancos, cunha produción menor, destacan os que se obteñen das variedades godello, albariño e treixadura.

A zona amparada para a produción deste viño comprende parroquias e lugares dunha vintena de municipios situados ao longo das ribeiras do Miño e do Sil, no sur da provincia de Lugo e no norte da de Ourense. Está constituída -ademais de pola subzona de Amandi- polas de Chantada, Quiroga-Bibei, Ribeiras do Miño e Ribeiras do Sil.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/04/2023