A Xunta celebra en Vigo os Días Europeos da Artesanía con diferentes obradoiros no Museo do Mar

A xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta mañá os talleres de papiroflexia, cerámica, pintura sobre madeira, gyotaku e cianotipia

Esta fin de semana tamén se apoian actividades de divulgación dos oficios artesanais en Ourense, Ponteceso, Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo), Muros, Buño (Malpica de Bergantiños) e Santiago de Compostela

Vigo, 1 de abril de 2023 A xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta mañá en Vigo as actividades de divulgación dos oficios artesáns programadas desde o Museo do Mar de Galicia coa colaboración da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación para celebrar os Días Europeos da Artesanía. Entre hoxe e mañá haberá cinco obradoiros abertos a todo tipo de públicos e sen inscrición previa, impartidos por profesionais da marca Artesanía de Galicia en horario de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 19:30 horas.

Os ceramistas Carlos San Claudio e Roberto Piñeiro encargaranse do Obradoiro de cerámica con torno, Joyas de papel amosará diferentes técnicas de papiroflexia, Como pez en el agua dirixirá un Obradoiro de Pintura sobre madeira, e Peixesapop ofrecerá os obradoiros de Cianotipia e de Gyotaku (técnica de impresión natural de orixe xaponesa).

Os Días Europeos da Artesanía – que rematan mañá domingo, 2 de abril– son unha iniciativa promovida en España pola Escuela de Organización Industrial (EOI) e pola súa área de promoción da artesanía, Fundesarte, na que este ano participan 23 países. A Xunta de Galicia colabora por décimo primeiro ano consecutivo, coordinando, a través da Fundación Artesanía de Galicia, o programa na Comunidade, no que participan máis de 50 obradoiros e outras entidades asociativas e centros de divulgación da artesanía.

Esta fin de semana apóianse actividades en Ourense, en Ponteceso, en Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo), en Muros, en Buño (Malpica de Bergantiños) e en Santiago de Compostela. Hoxe sábado ten lugar a III Fornada Tradicional de Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo) no Museo da Olería da localidade e un obradoiro de pirogravado impartido por Ilex Talla, que se celebra na Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso durante toda a fin de semana. Ata mañá domingo, continúan os talleres abertos de cestería con La Parábolica, de bordado con Variopinto e de estampaxe con Xiana Cobo, no Museo das Mareas do Pozo de Cachón de Muros; e a Asociación de Artesáns de Ourense pecha a súa programación entre hoxe e mañá con talleres a cargo de María Aba, Bangus, Rosa Fraíz e Olaría do Batán.

E en Santiago de Compostela apóianse as actividades de Creativas Galegas, que hoxe correrán a cargo de Soledad Mato e de Mocao; así como un programa de obradoiros na Rúa de San Pedro protagonizados hoxe por Amorote Printing Workshop, Kinga Haudek, El taller de Fer, Brigantia Orfebres e Artesanía Silvent, este último estará tamén mañá domingo.

Tamén ata o domingo, a Asociación Olería de Buño (Malpica de Bergantiños) organiza visitas guiadas e xornadas de portas abertas no taller que alberga a Casa do Oleiro de Buño. O programa completo e toda a información acerca deste evento a nivel nacional pode consultarse na páxina web https://www.diasdelaartesania.es/

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/04/2023