A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, co xerente do organismo, Gonzalo Mosqueira, presentou hoxe o proxecto final deste plan

A Xunta dota ao Concello de Cerdedo-Cotobade dun Plan de abastecemento autónomo para mellorar a autoxestión sostible e segura das traídas veciñais

Esta ferramenta recolle as accións necesarias para garantir o abastecemento de auga potable á poboación, sendo un instrumento de planificación clave para a mellora deste servizo, de competencia municipal

A avaliación dos sistemas de abastecemento autónomo do municipio permitiron planificar as actuacións para garantir o subministro de auga en cantidade e calidade

O Goberno galego tamén está a impulsar esta experiencia piloto nos concellos de Oímbra, San Xoán de Río, Baleira, Mondariz e Oia

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 31 de marzo de 2023 A Xunta dota ao Concello de Cerdedo-Cotobade dun Plan de abastecemento autónomo para mellorar a autoxestión sostible e segura das traídas veciñais.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, co xerente do organismo hidráulico, Gonzalo Mosqueira, e co alcalde da localidade, presentou hoxe o proxecto final deste plan.

Trátase dunha ferramenta que promove as accións necesarias para garantir o abastecemento de auga potable á poboación, dotándoa dun instrumento de planificación clave para a mellora deste servizo, de competencia municipal.

Este Plan de abastecemento autónomo permitiu identificar as deficiencias das traídas veciñais de Cerdedo-Cotobade, afondando no proceso de onde sae a auga, con que calidade, se hai problemas e cando teñen lugar.

Esta información posibilitou elaborar unha planificación das actuacións necesarias para garantir o subministro de auga en cantidade e calidade, recollidas no citado plan.

Cómpre lembrar que a Xunta, ademais de en Cerdedo- Cotobade, impulsou esta experiencia piloto nos concellos de Oímbra, San Xoán de Río, Baleira, Mondariz e Oia.

As traídas veciñais son estratéxicas en Galicia, xa que moitos núcleos, pola forte dispersión, precisan de solucións autónomas para abastecerse de auga potable. Neste sentido, case 600.000 persoas utilizan estes pequenos sistemas. 

O Goberno galego puxo en marcha a comezos de ano unha nova convocatoria de axudas para a mellorar o servizo e a calidade das augas das traídas veciñais, cun investimento de 500.000 €, para actuar nas instalacións de captación, potabilización e almacenamento.

Estes incentivos subvencionan o 80 % do custo das actuacións, ata un máximo de 15.000 euros por proxecto. Con estas axudas, desde o 2020 outorgáronse 136 axudas por máis de 1,3 M€ para apoiar as traídas veciñais no rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/03/2023