O Sergas acada un novo acordo no ámbito do Plan de Ordenación de Atención Primaria

Entre as medidas destaca a oferta de contratos estables de 3 anos de duración ao persoal residente que termina este ano, tanto no caso da Medicina familiar e comunitaria, como na especialidade de Pediatría

A Administración sanitaria comprométese a iniciar unha negociación das condicións de traballo e retributivas do persoal residente en formación, como medidas de incentivación e retención

O Sergas e os sindicatos CCOO, CSIF, SATSE e UGT asinaron o citado Acordo, á espera da decisión de adhesión da CIG, que será comunicada nos vindeiros días

Este Acordo engádese a outros xa acadados como o da carreira profesional, polo que 8.700 profesionais cobrarán nesta nómina de marzo o incremento retributivo derivado do Grao I de carreira profesional; ou os acordos que derivaron na estabilización de máis de 5.000 prazas no Sergas, e que están en fase de execución, na categoría de enfermería e médicas/os de familia

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2023 A xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López Pardo, presidiu esta mañá unha nova xuntanza da Mesa sectorial de Sanidade, na que o Sergas e as organizacións sindicais acordaron as liñas de actuación e o cronograma no marco negociador do Plan de Ordenación de Recursos Humanos de Atención Primaria.

Na reunión, na que participaron os representantes das organizacións sindicais: CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UXT; tamén participaron a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez; e a directora xeral de Planificación e Ordenación Sanitaria, Sofía López Linares. Así, o Servizo Galego de Saúde e os sindicatos CCOO, CSIF, SATSE e UGT asinaron o documento, á espera da decisión de adhesión da CIG que será comunicada nos vindeiros días.

O Acordo é froito de varias reunións previas, onde se acolleron a maior parte das alegacións presentadas e que sentan as liñas prioritarias de negociación, cun horizonte temporal que non vai mais aló do presente ano 2023.

Entre as medidas a destacar, o modelo actual de atención primaria vese reforzado con este Acordo con novos incentivos vinculados ao desempeño de quendas de tarde e deslizantes, por entender que ditas quendas son de maior dificultade de cobertura en todas as categorías profesionais.  

En canto as medidas dirixidas á captación de profesionais, o Acordo contempla a oferta de contratos estables de 3 anos de duración ao persoal residente que termina este ano, tanto no caso da Medicina familiar e comunitaria como no de Pediatría, co obxectivo de facer atractivo o traballo por mor da súa garantía de estabilidade. Esta oferta, que incluirá postos de Médico de Familia en centros de saúde e PACs, e postos de FEAP, respectará as expectativas do persoal fixo nos concursos de traslados, polo que se adiantará a súa resolución a antes do verán.  

Así mesmo, tamén se contempla o impulso e incentivación do exercicio das titorías tanto de medicina de familiar, como de enfermería especialista, na liña do proxecto de decreto que está en trámite.

Outra novidade a destacar é que a Administración sanitaria comprométese a iniciar unha negociación das condicións de traballo e retributivas do persoal residente en formación, como medidas de incentivación e retención.

Mellora das axendas e dotación de prazas

As condicións de traballo en atención primaria, veranse melloradas tamén co Acordo no relativo ás axendas, o que tamén fará mais atractivo o traballo en Galicia.

Actualmente as axendas de calidade coas que están a traballar os médicos de familia son flexibles (admiten unha marxe de 31 a 40 ocos de entre 8 a 15 minutos). Aínda que a maioría dos médicos elixiron axendas de 34 ocos. Co acordo acadado habilítanse axendas de maior capacidade, voluntarias, extraordinarias, limitadas no tempo, e individualizadas para cada profesional, e aplicables sempre que se cumpran os criterios previamente establecidos como un número mínimo de TIS (1.200).

O Acordo define por primeira vez a posibilidade da autoprolongación da propia axenda, como xornada extraordinaria e voluntaria para a cobertura da actividade asistencial da propia cota dun profesional que xa traballe na súa xornada ordinaria coa axenda de continxencia. A estrutura da axenda de autoprolongación (2 horas) refírese a 12 ocos de 10 minutos cada un para actos de sobrecarga, sen que se poidan forzar citas. Nestas axendas poderanse mover pacientes citados na axenda de continxencia (citas ordinarias e no día), e tamén a pacientes citados noutros días ata completar 12 ocos.

Do mesmo xeito, tamén se prevén outras medidas organizativas como o impulso de equipos multidisciplinares, incorporando as categorías que se consideren necesarias, como é o caso da categoría de dietista-nutricionista, ademais doutras que garantan a coordinación asistencial primaria/hospital en todos os distritos sanitarios.

O Acordo compromete a elaboración dun Plan de dotación de prazas 2023-2027: nas ratios de referencia teranse en conta as carteiras de servizos aprobadas no Consello Técnico de Atención Primaria, o estudo de necesidades concretarase centro a centro, valorando tamén as posibles cargas de traballo adicionais, e garántese completar os equipos de persoal médico e de enfermería en centros de saúde e PACs, cun obxectivo mínimo 1/1.

Actuarase sobre a mellora de ratios en matronas e fisioterapeutas, e incorporaranse novas prazas de persoal de enfermería especialista (Familiar e Comunitaria e Pediátrica).

Do mesmo xeito comprometese a negociación dos días 24 e 31 de decembro como días de especial significación para categorías de atención primaria, que actualmente non os teñen contemplados.

Cómpre destacar tamén, e dando resposta positiva a unha demanda reiterada, a revisión das estruturas de mando en atención primaria, introducindo postos de xestión específicos que xestionen recursos humanos e económicos de atención primaria así como asistenciais.

Negociación do Plan de Ordenación

Este Acordo súmase aos anteriormente adoptados na mesa sectorial sobre condicións de traballo e retribución nos hospitais e centros de saúde do Servizo Galego de Saúde. Tales como o Acordo de carreira profesional (28 de outubro de 2022) asinado con todos os sindicatos da mesa sectorial, e polos que 8.700 profesionais cobrarán nesta nómina de marzo o incremento retributivo derivado do grao 1 de carreira profesional; así como tamén os acordos que derivaron na estabilización de mais de 5.000 prazas no Sergas, e que están en fase de execución, como a categoría de enfermería e médicos de familia.

Así mesmo, en canto á atención primaria, o acordo asinado hoxe, completase co Acordo de data 16/09/2022 da Mesa sectorial de negociación do persoal estatutario sobre medidas retributivas e de mellora que se teñen adoptado: como o incremento do prezo da intersubstitución, das prolongacións de xornada, de postos de difícil cobertura, da xornada complementaria de PAC, ou das gardas que os médicos dos centros de saúde fan nos PAC.

Co Acordo desta mañá, afianzase o consenso no ámbito de atención primaria, avanzando na senda das negociacións cos representantes de persoal na mesa sectorial.

Data de actualización: 31/03/2023