A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou no acto de entrega de chaves aos adxudicatarios

A Xunta entrega no barrio da Tinería de Lugo cinco vivendas protexidas rehabilitadas a través do programa Rexurbe

Ángeles Vázquez felicitou aos adxudicatarios polos seus novos fogares, aos que acceden cunhas condicións vantaxosas cunha renda mensual de entre 158 e 196 €

O Goberno galego investiu 1,24 M€ nestas vivendas nas que prima a calidade, a utilidade e o respecto pola recuperación do patrimonio construído

Lugo, 1 de abril de 2023 A Xunta de Galicia entregou hoxe cinco vivendas protexidas no barrio da Tinería, no Concello de Lugo, rehabilitadas ao abeiro do chamado programa Rexurbe, unha iniciativa do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para comprar inmobles deteriorados ou en estado de abandono co obxectivo de recuperalos e destinalos despois a alugueiro social.

Durante o acto de entrega de chaves celebrado este mediodía, no que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, felicitou aos adxudicatarios polos seus novos fogares, aos que acceden cunhas condicións vantaxosas -cunha renda mensual de entre 158 e 196 euros- nunha zona “tan privilexiada” como é o conxunto histórico da cidade de Lugo. 

Logo de salientar que o Goberno galego investiu 1,24 M€ nestas vivendas nas que prima a calidade, a utilidade e o respecto pola recuperación do patrimonio construído, a conselleira incidiu en que a Xunta preserva a historia das edificacións cunha intervención respectuosa, pero introducindo as comodidades da vida moderna para garantir o benestar dos seus residentes.  

De feito, no marco do compromiso da Xunta de apoiar aos colectivos que teñen máis dificultades para poder acceder a un inmoble, a conselleira avanzou que aínda queda pendente a entrega doutra vivenda en recanto do Miño e a redacción dos proxectos de rehabilitación de dous edificios na rúa Catedral. 

Cómpre salientar que a Xunta dispón nestes momentos dun total de 86 inmobles adquiridos en toda Galicia no marco do programa Rexurbe, dos cales 18 xa están completamente rehabilitados. Ademais, como resultado das ofertas recibidas a raíz da convocatoria do ano pasado, ten en trámite de adquisición outros 5, polo que a previsión é poder chegar este ano a un total de 91 inmobles no conxunto da Comunidade.

Ademais, este programa Rexurbe, creado en 2017 para comprar edificios e solares en estado de abandono en centros históricos para rehabilitalos e ampliar o parque público residencial, figura como unha das liñas de actuación fixadas na nova estratexia para a promoción de vivenda pública e o impulso da vivenda protexida en Galicia para os vindeiros 4 anos, ratificada esta semana polo Consello da Xunta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/04/2023