A Xunta reforza un ano máis con 36 funcionarios o servizo de atención ao contribuínte na campaña da renda

A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) destina algo máis de 200.000 euros para facilitar que os contribuíntes galegos reciban axuda e asesoramento para facer a declaración do IRPF do exercicio 2022


Galicia sitúase como a terceira comunidade autónoma que máis colaboración achega, só por detrás de Canarias e Valencia


A campaña de reforzo comezará o 5 de maio e estará operativa ata o vindeiro 30 de xuño
 

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2023

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), reforza un ano máis con 36 funcionarios o servizo de atención aos contribuíntes galegos durante a Campaña da Renda 2022. A estes traballadores hai que sumarlle outros seis funcionarios da Xunta que realizarán labores de coordinación. Galicia sitúase así como a terceira comunidade autónoma que máis colaboración achega, só por detrás de Canarias e Valencia.

 

A Atriga vai colaborar coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) no desenvolvemento da Campaña da Renda 2022, e este ano destina algo máis de 200.000 euros ás plataformas mixtas de apoio ao contribuínte. A través destas plataformas, situadas en dependencias da AEAT nas sete grandes cidades galegas, os contribuíntes reciben axuda e asesoramento para facer a declaración do IRPF e a súa presentación a través de asistencia telefónica ou asistencia presencial.

 

A campaña de reforzo comezará o 5 de maio co inicio da atención telefónica a través do ‘Plan Chamámoslle’ e abarcará tamén a asistencia presencial nas oficinas que comezará o vindeiro 1 de xuño. Ambas as dúas colaboracións rematan o 30 de xuño.

 

Desas 36 persoas contratadas para reforzar o servizo de atención aos contribuíntes na Campaña da Renda 2022, dúas corresponden á cidade de Vigo; dúas á de Pontevedra; seis á de Coruña, Lugo, Ferrol e Santiago de Compostela, respectivamente; e oito á de Ourense.

 

No último exercicio, durante a Campaña da Renda 2021, o persoal aportado pola Atriga ás plataformas mixtas de atención ao contribuínte permitiu atender 25.284 citas no proceso de elaboración e presentación da declaración do IRPF. Delas, 10.439 atendéronse a través do ‘Plan Chamámoslle’ e 14.845 de xeito presencial.


Novidades campaña IRPF 2022

As novidades adoptadas pola Xunta en materia de IRPF suporán que este ano 2023, os galegos e as galegas, especialmente as familias con rendas medias e baixas, aforren 128 millóns de euros respecto á declaración pagada o ano pasado.

 

Para o 2022 modificouse a escala autonómica aplicable á base liquidable xeral do imposto sobre a renda das persoas físicas e aprobouse unha baixada de tarifa, reducindo os tramos que pasaron de sete a cinco.

 

A isto hai que sumar que, neste ano 2023 adoptáronse no IRPF outra serie de medidas de alivio fiscal xa con efectos desde o 1 de xaneiro de 2022 e, polo tanto, con efectos na declaración da renda a realizar a partir deste mes de abril.

 

Aprobouse unha nova rebaixa do tipo aplicable ao tramo autonómico máis baixo do IRPF, pasando do 9,4 ao 9% para beneficiar novamente ás rendas máis baixas; deflactouse ao 4,3% a tarifa aplicable aos tres primeiros tramos da escala autonómica; e incrementouse o mínimo persoal e familiar na mesma porcentaxe do 4,3%.

 

Estas medidas permitirán que, de media, cada contribuínte galego pague 476 € menos de IRPF no 2023 en relación ao ano 2009.

Data de actualización: 02/04/2023