O centro Gaiástech celebra a oitava edición da iniciativa #MESD cun ciclo formativo sobre marketing dixital

 Impartiranse cinco talleres entre abril e maio nos que se abordarán diferentes aspectos dunha estratexia de marketing

Están dirixidos a empresarios, emprendedores e profesionais que queiran mellorar a presenza dixital da súa empresa

As inscricións son gratuítas e xa se poden realizar a través da web do GaiásTech
 

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2023

O centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia acollerá entre abril e maio a oitava edición do #MesD, enfocado nesta ocasión ao marketing dixital cun ciclo de accións formativas nas que se abordará a elaboración e desenvolvemento da estratexia para mellorar a presencia dixital dunha empresa. O #MesDMarketing está orientado a todas as persoas interesadas en mellorar as súas habilidades neste ámbito.

Serán en total cinco talleres nos que se afondará en temas como a posta en marcha dunha estratexia de Marketing Inbound, o posicionamento SEO, SEM, a efectividade da publicidade dixital mediante social ads, e como deseñar un plan de contidos para Social Media e a metodoloxía para implementalo.

Todos os talleres, de unha hora e media de duración, comezarán ás 17:00 h e poderanse seguir en liña. Serán impartidos por José Alcañiz, Fernando Mosquera e Melisa Piñeiro, da axencia de marketing ESTEREA. A inscrición é gratuíta e aberta para todo o mundo.

Temática e inscricións

A primeira actividade do mes, "Como poñer en marcha unha Estratexia de Marketing Inbound e non morrer no intento", levarse a cabo o 13 de abril e terá como obxectivo analizar o estado da arte en márketing dixital, segmentación de clientes, ciclos de compra, ferramentas de márketing dixital, metodoloxía e procedementos para a posta en marcha con éxito

 

A segunda actividade, que se desenvolverá o 20 de abril, leva por título "SEO: O posicionamento en buscadores en tempos da IA" e ten como obxectivo ver o funcionamento de Google, factores onpage e offpage, o reto da IA, metodoloxía e ferramentas para facer unha auditoría SEO completa.

 

A actividade do mércores 26 de abril no marco do #MesDMarketing será "SEM: Sácalle todo o partido ao investimento en Google Ads". O obxectivo desta sesión é aprender os distintos tipos de campañas de Google Ads, usos recomendados, quality score, optimización de

campañas, métricas e ferramentas.
 

O evento do día 3 de maio, titulado "Social Ads. A publicidade dixital máis efectiva?", ofrecerá un programa completo para aprender as posibilidades de segmentación, tipos de campañas e métricas de referencia vía Meta Ads, Twitter Ads, Linkedin Ads, TikTok Ads. Factores de éxito.

 

A quinta e última actividade do MesD, "Como deseñar un plan de contidos para Social Media e metodoloxía para implementalo", que se levará a cabo o 10 de maio, ten como obxectivo deseñar un plan de contidos, obxectivos, perfís, bloques de contidos, canles... Metodoloxía e ferramentas para implementalo e planificar contidos con éxito.

GaiásTech

O GaiásTech é unha iniciativa da Xunta de Galicia para lograr a transformación dixital do tecido produtivo e xerar produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global. Así, a través de distintos servizos e actividades, o GaiásTech amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.

 
Data de actualización: 01/04/2023