A Semana da Admnistración Aberta da Xunta contou coa participación de preto de 1.700 persoas

Leváronse a cabo 27 actividades ao longo da semana e a enquisa de satisfacción cualifícaas cun 8,5 sobre 10 de media


Estudantes, universitarios e cidadáns de todas as idades quixeron formar parte dunha iniciativa que procura achegar a administración á xente

 

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2023 A Semana da Administración Aberta, organizada pola Xunta de Galicia entre o 20 e 0 24 de marzo pasados, contou coa participación de preto de 1.700 persoas (1.670), que formaron parte dalgunha das 27 actividades que se levaron a cabo neses días. Un total de 10 conferencias, 13 visitas, 3 presentacións de proxectos á cidadanía e a celebración dun encontro da mocidade compuxeron a oferta de actividades que os participantes cualificaron cun 8,5 sobre 10 de media, segundo amosan as enquisas de satisfacción.

 

Gran parte das conferencias estaban dirixidas ao alumnado universitario das tres universidades públicas de Galicia. Así, o conselleiro de Facenda e Administración Pública impartiu unha charla na Facultade de administración e dirección de empresa na USC baixo o título “A planificación estratéxica da Xunta e o proceso orzamentario”. Tamén se abordaron outros contidos de actualidade, como os retos da política de cohesión e os fondos europeos, a información estatística, as políticas dixitais da Xunta, ou a ética e a integridade institucional, entre outros, conferencias que impartiron altos cargos da Consellería nos campus de Santiago, Vigo, A Coruña, Ourense e Pontevedra.

 
Estudantes de primaria e secundaria

No que se refire ás visitas, algunhas tiveron como destinatarios estudantes de primaria e secundaria dos centros de ensino galegos, que participaron ademais de xeito activo, como o alumnado do CEIP Monte dos Postes de Santiago que presentou ao Conselleiro de Facenda e Administración Pública mais de 75 propostas de actuación dirixidas ás diversas consellerías da Xunta de Galicia.

 

SOGAMA, o Instituto Tecnolóxico para o ControI do Medio Mariño, o laboratorio de Consumo ou as instalacións de MeteoGalicia recibiron tamén a visita de distintos grupos escolares. Por outra banda, actividades abertas a todo o público, como a visita guiada á Muralla de Lugo ou a realizada por membros de distintas asociacións ás instalacións do 061 na Estrada, obtiveron a máxima cualificación e o agradecemento dos visitantes.

Data de actualización: 01/04/2023