Así o acordaron a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde, Manuel Cardoso, nunha reunión de traballo celebrada en San Caetano

A Xunta e o concello de Vilardevós colaborarán na mellora do saneamento e do abastecemento de enxames, que suporá un investimento de 1,13 M€

O proxecto xa está entregado e recolle as actuacións nos ramais principal e norte da rede de saneamento e para a dotación de servizo de abastecemento a 131 vivendas, coa previsión da súa execución por fases


A intervención prioritaria é a construción do ramal principal do colector de saneamento, que dá servizo a 122 vivendas, incluíndo a optimización da depuradora


A Xunta e o Concello acordan avanzar nesta primeira fase, coa tramitación ante a Confederación Hidrográfica do Douro da autorización de vertido precisa
 

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2023

A Xunta e o Concello de Vilardevós colaborarán na mellora do saneamento e do abastecemento de Enxames, cuxas obras suporán un investimento estimado de 1,13 M€.

 

Así o acordaron a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Vilardevós, Manuel Cardoso, na reunión de traballo celebrada en días pasados en San Caetano.

 

Segundo lle avanzou Ethel Vázquez ao alcalde, o proxecto xa está entregado e recolle actuacións no ramal principal e no ramal norte da rede de saneamento de Enxames,  que dan servizo a 122 e 9 vivendas respectivamente. Ademais prevese construción das instalacións de abastecemento, con máis de 3.000 metros de tubaxe, para a conexión de 131 acometidas.

 

Tal e como acordaron durante o encontro, as intervencións realizaranse en distintas fases, comezando pola actuación que se considera prioritaria: a do ramal principal do saneamento, que serve a 122 vivendas, incluíndo a optimización da súa depuradora.

 

A Xunta e o Concello coincidiron na necesidade de avanzar na primeira fase das actuacións, comezando pola tramitación ante a Confederación Hidrográfica do Douro da autorización de vertido precisa.

 

As intervencións de mellora do saneamento e do abastecemento do núcleo de Enxames serán financiadas maioritariamente pola Xunta, en colaboración co Concello, que se compromete a achegar unha parte do financiamento.

Data de actualización: 02/04/2023