O conselleiro do Medio Rural supervisou as obras de acondicionamento

A Xunta inviste preto de 96.000 € na rehabilitación do mercado municipal de Crecente

Este proxecto de rehabilitación integral consiste na restauración completa do interior do inmoble e na creación de catro postos de venda de produtos agroalimentarios, ademais dun local para un supermercado que sairá en alugueiro

Crecente (Pontevedra), 2 de abril de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e do alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, supervisaron as obras de acondicionamento do mercado municipal, co fin de impulsalo como centro de dinamización socioeconómica e favorecer a venda de produtos agroalimentarios das comarcas da Paradanta, do Baixo Miño e doutros puntos de Galicia.  Ditas obras estanse levando a cabo cunha axuda por parte da Xunta de case 96.000 euros.

Este proxecto de rehabilitación integral consiste na restauración completa do interior do inmoble e a creación de catro postos de venda de produtos agroalimentarios, ademais dun local para un supermercado que terá entrada independente dende os soportais do exterior e que sairá en alugueiro, dous aseos adaptados e un cuarto de instalacións. Todo isto completarase con todos os servizos de electricidade e fontanaría e coa instalación de sistemas antilumes.

Así, os traballos consisten no reforzo da estrutura con perfís de aceiro para garantir a seguridade do recinto, a instalación de carpintarías metálicas en todos os ocos exteriores para ofrecer unha luminosidade ampla pero non directa, a colocación de portas corredoiras automáticas en aras da eficiencia enerxética e a funcionalidade, o reforzo do illamento térmico para mellorar a confortabilidade interior e a dotación de pavimentación específica, con características diferentes, no interior e exterior do edificio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/04/2023