A Xunta amplía en 11.000 as horas anuais do Servizo de Axuda no Fogar que financia ao concello de Vilanova de Arousa
O obxectivo é que a Administración local poida continuar atendendo a aquelas persoas que se encontraban á espera do servizo
Sumadas ás horas actuais, o Goberno galego poñerá a disposición do Concello máis de 35.300 horas deste servizo ao que destina preto de 427.000 €
Vilanova de Arousa (Pontevedra), 1 de abril de 2023.- A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, informou ao alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, que a Xunta vai ampliar en 11.000 as horas anuais do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) financiadas para atender a aquelas persoas deste Concello que están á espera do servizo.
Ambos coincidiron na necesidade de continuar mellorando a colaboración entre Administracións públicas para garantir servizos de proximidade aos municipios do rural, máis en concreto ás persoas maiores.
Con este incremento, o Goberno galego eleva as horas a disposición do Concello ata as 35.300 horas anuais. Así mesmo, increméntase o investimento a este servizo en 132.000 euros ata chegar aos preto de 427.000 euros.