A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, asinou esta semana un convenio de colaboración co alcalde, Plácido Álvarez

A Xunta destina 55.000 € a financiar o programa municipal Comedor sobre rodas de Muíños

Trátase dunha iniciativa semellante ao Xantar na casa da Xunta que leva comida e cea aos domicilios dos veciños de máis idade

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2023 A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, asinaron esta semana un convenio de colaboración para o financiamento do programa municipal ‘Comedor sobre rodas’, un servizo semellante ao Xantar na casa da Xunta que leva comida e cea aos domicilios dos veciños de mais idade. 

Con este acordo, cuxa contía ascende a 55.000 euros, o Goberno galego continúa a reforzar os servizos de proximidade co obxectivo de que os maiores teñan ao carón dos seus fogares as atencións que necesitan. Entre estas prestacións, destaca o impulso do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que leva coidados profesionais ás vivendas das persoas maiores e que a Xunta impulsa ano tras ano poñendo a disposición dos concellos máis horas de servizo.

Outra iniciativa posta en marcha polo Executivo autonómico que está a ter moi boa acollida é o programa de Coidados porta a porta. Este servizo, que percorre todos os concellos galegos, presta atención gratuíta aos maiores en podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria, e regresará a Muíños o vindeiro mes de xullo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/04/2023