O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe o servizo acompañado do xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e do alcalde

A nova vivenda comunitaria municipal de Cortegada financiada pola Xunta entrará en funcionamento en vindeiras semanas

Gabriel Alén explicou que esta actuación é froito dun convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Política Social e Xuventude —a través do Consorcio— e o Concello de Cortegada na que se investiu 200.000 euros

Para o delegado territorial, trátase de inmobles destinados a atender a demanda dos servizos sociais dos concellos do rural, onde se desenvolven actividades e se promociona a autonomía persoal e a prevención da dependencia

Ourense, 31 de marzo de 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e do alcalde, Avelino Luis de Francisco, visitou esta mañá a vivenda comunitaria municipal de Cortegada, que está a piques de abrir as súas portas á veciñanza, e na que a Xunta investiu 200.000 euros, repartidos en dúas anualidades.

O delegado territorial explicou que esta actuación é froito dun convenio asinado en xullo do ano 2018 entre a Consellería de Política Social e Xuventude —a través do Consorcio—  e o Concello de Cortegada para o financiamento das obras de adecuación da primeira planta do centro de saúde para darlle uso de vivenda comunitaria municipal. Este novo servizo ten capacidade para 15 usuarios e entrará en funcionamento en vindeiras semanas.

O Concello foi o encargado da execución das obras e tamén é o responsable da xestión da vivenda comunitaria, que é de titularidade municipal.

Para Gabriel Alén, trátase de inmobles destinados a atender a demanda dos servizos sociais dos concellos do rural, onde se desenvolven actividades e se promociona a autonomía persoal e a prevención da dependencia; actividades que reflicten na calidade de vida e o benestar das persoas do municipio.

A Xunta de Galicia seguirá a estreitar a colaboración cos Concellos na achega de servizos de proximidade para o coidado e atención dos veciños de máis idade. De feito, o Executivo autonómico ten en marcha un Plan de investimentos para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais de titularidade municipal destinados ás persoas maiores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/03/2023