O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria fixo entrega da licenza de uso da marca e da carta de artesá a unha das responsables da firma lucense

A Xunta suma a empresa queixeira Airas Móniz ao medio cento de empresas adheridas ao selo de calidade de artesanía alimentaria

Este distintivo de calidade diferenciada garante que as producións contan cunha elaboración tradicional e unha presentación coidada, acorde coa súa condición de produtos que pretenden situarse entre os da gama gourmet

No caso de Airas de Móniz, trátase da primeira empresa en elaborar queixo con leite cru en pastoreo de vaca de raza Jersey da súa propia explotación

Chantada (Lugo), 31 de marzo de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, confirmou hoxe a adhesión da empresa queixeira Airas Móniz ao selo de calidade Artesanía Alimentaria, ao facerlle entrega da carta artesá a Ana Vázquez, unha das súas responsables. Así, esta firma súmase ao medio cento de empresas adheridas e ás máis de 90 persoas artesás rexistradas neste distintivo de calidade promovido para diferenciar as producións do agro e do mar que se elaboran de xeito tradicional, así como para protexer os seus produtores.

O director destacou que os produtos desta firma de Chantada poderán diferenciarse agora no mercado co selo de Artesanía Alimentaria. Este distintivo garantirá que a obtención das producións se rexe pola norma técnica pertinente, que recolle unha serie de requisitos relativos ás materias primas e aos procesos de elaboración autorizados, ao seu modo de presentación e a como deben ser a rastrexabilidade e o control.

José Luis Cabarcos lembrou que este selo de calidade diferenciada busca promover e protexer as pequenas producións e elaboracións tradicionais artesás de alimentos de alta calidade, facilitar a diversificación económica das explotacións agrarias e o incremento do valor engadido das producións locais e mellorar as rendas e fixar poboación nos medios rural e litoral. Tamén fomentar métodos tradicionais de elaboración e desenvolver unha gama de produtos diferenciados de calidade, potenciar circuítos curtos de comercialización que permitan o contacto directo entre as persoas produtoras e as consumidoras e promover a visibilización e a participación activa das mulleres en todas as dimensións da actividade artesanal alimentaria.

No caso de Airas Móniz, a empresa naceu da inquietude de tres persoas, Ana, Ricardo e Xesús, quenes quixeron conxugar a súa paixón pola súa terra, o queixo, os animais e o mundo rural nos seus produtos. Deste xeito, trátase da primeira empresa en elaborar queixo con leite cru en pastoreo de vaca de raza Jersey da súa propia explotación.

Así, despois de seis anos en funcionamento, contan con 11 traballadores na empresa -tres dedicados á gandaría e oito na queixería- e xa levan acumulados varios premios tanto dos queixos como do seu proxecto en conxunto. Ademais, os seus produtos teñen presenza nos mellores restaurantes e tendas non só a nivel nacional, senón tamén internacional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/03/2023