A Xunta patrocina o Campionato de España infantil feminino de voleibol que organiza o Emevé en Lugo en maio

O delegado territorial, Javier Arias, destacou que a competición atraerá a arredor de 3000 persoas á cidade

Lugo, 31 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia patrocina o Campionato de España infantil feminino de voleibol que organiza o club Emevé e que se disputará en Lugo entre os días 17 e 21 de maio.

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que o Goberno galego apoia a través de Turismo de Galicia este torneo que concitará na capital a arredor de 3000 persoas vinculadas aos 32 equipos participantes, que figuran entre os mellores do panorama nacional.

Arias felicitou ao Emevé por “ser de novo anfitrión dun campionato de ámbito nacional” e gabou “o seu traballo, creando afección e contribuíndo a dinamizar a cidade co seu protagonismo neste deporte”.

O delegado lembrou que o club participa do programa de patrocinios da Xunta para equipos de alta competición femininos de Galicia contra a violencia de xénero, que ten por obxectivo a difusión de campañas específicas e o fomento da igualdade no deporte. 

O Goberno galego tamén colabora co Emevé a través das distintas liñas de axudas da Secretaría Xeral para o Deporte, tanto para o desenvolvemento de actividades como para a adquisición de equipamentos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/03/2023