A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou o convenio de colaboración co alcalde da localidade

A Xunta e o Concello de San Cibrao das Viñas destinan máis de 125.000 euros á humanización da praza pública central da localidade

Esta actuación acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza

O Goberno galego destinará 8,6 M€ este ano a seguir apoiando aos concellos neste tipo de obras, un 23 % máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia e o Concello de San Cibrao das Viñas destinan máis de 125.000 euros á humanización da praza pública central da localidade, segundo o convenio de colaboración que asinaron hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Manuel Pedro Fernández.

 

Esta actuación acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Deste xeito, tal e como explicou Ángeles Vázquez, a Xunta financiará o 70 % da obra e o concello asumirá o 30 % restante.

 

Neste caso, as obras, cun prazo de execución previsto de 3 meses, consistirán na substitución do pavimento actual por un novo con lastro de granito colocado con morteiro de cemento, na instalación dunha nova varanda, na reparación das escaleiras de pedra e da fonte, e na limpeza do muro de pedra. Ademais, colocaranse bancos de pedra, papeleiras e macetas.

 

Durante a sinatura deste convenio, a conselleira lembrou que, desde a posta en marcha do plan Hurbe, mobilizáronse ao redor de 165 millóns de euros para o financiamento de máis de 415 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos, co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas.

 

Ademais, a Xunta destinará 8,6 millóns de euros este ano a seguir apoiando aos concellos neste tipo de obras, un 23 % máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2023