A Xunta pon en valor a Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Galicia e o seu labor a prol do sector do viño
O conselleiro do Medio Rural visitou esta tarde a Estación en Ribadumia, con instalacións como a aula, a adega e o viñedo
Alí, explicáronse as particularidades do proceso de inscrición da variedade vitícola “Folla Redonda” como comercial
Ribadumia (Pontevedra), 30 de marzo de 2023 O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, do alcalde de Ribadumia, David José Castro, e do director da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía, Juan Casares, visitaron hoxe as instalacións da Estación, onde fixeron un percorrido pola súa aula, a adega e o viñedo.
Ademais, a visita serviu para explicar o proceso de inscrición da variedade vitícola “Folla redonda” como comercial. Dita variedade de vide é un híbrido produtor directo de primeira xeración, implantada sobre todo na comarca do Salnés a finais do século XIX-comezos do XX. Desde os anos 60 vénse promocionando nunha festa popular na localidade de Barrantes, en Ribadumia, polo que tamén é coñecida como “Tinto Barrantes”. Para poder proceder á súa autorización para a produción de viño comercial, cabe demostrar que é un híbrido no que participe unha Vitis vinífera, rexistrala no Rexistro de Variedades Comerciais de Vide de España e demostrar o seu potencial previa avaliación ou xustificar a súa antigüidade, interese e adaptación local.
Nesa liña, de cara ao rexistro, a Estación de Viticultura e Enoloxía ten previsto a localización de exemplares de “Folla Redonda” coa consecuente obtención de púas, corroboración da identidade varietal e a avaliación da ausencia de enfermidades transmisibles; a obtención das 15 plantas enxerto, a solicitude e pago de taxas do rexistro e a entrega do material á Oficina Española de Variedades de Vide.
De cara á inclusión da variedade “Folla Redonda” no potencial vitivinícola de Galicia, neste 2023, seleccionaranse dúas parcelas en produción desta variedade -tamén de Caíño Tinto e outra variedade que poida utilizarse de variedades testemuño-; levarase a cabo unha análise serolóxica fronte a virus e a avaliación de síntomas en presenza de virose. Logo farase un seguimento do ciclo fenolóxico nas parcelas seleccionadas, con controis de maduración para determinación de data de vendima, entre outras actuacións.