Lete Lasa destaca no Senado a importancia do deporte base e feminino en Galicia que nesta tempada superará os 130.000 nenos e nenas no Xogade

Sitúa ao deporte feminino e ao deporte base como “dúas pezas clave” da política deportiva da Xunta para a “consolidación de hábitos saudables para una vida activa, ao longo de todas as idades do individuo”

Cifra en máis de 73.2000 licenzas femininas e máis de 45.400 nenas inscritas no Xogade, uns datos que se incrementan ano tras ano

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, compareceu na mañá de hoxe ante a Comisión de Cultura e Deporte, para informar en relación coa materia obxecto da Relatoría de estudo do deporte base e do deporte feminino en España, constituída no seo de la Comisión do Senado de España. Nas súas verbas, Lete Lasa, destacou o excelente comportamento do deporte galego durante a pandemia provocada pola Covid-19 así como os protocolos FISICOVID - DXTGALEGO , que permitiron que en Galicia se practicara deporte seguro en todo momento. Esa foi a razón principal, dixo, para que o deporte galego non se detivese e que nesta tempada 2022-2023 superará os 130.000 nenos e nenas no Programa Xogade, que xunta toda a oferta deportiva escolar e federada para os rapaces e rapazas de entre 6-16 anos e cuxo seguro de accidentes deportivos sufraga a Xunta cun contrato bianual de 4,3 millóns de euros.

 

O Xogade lévase a cabo da man das 31 Agrupacións Deportivas Escolares, “moi ligadas aos centros educativos”. “En Galicia levamos anos apostando por un modelo co obxectivo de fomentar a práctica de actividade física dentro e fóra das aulas, en alianza co profesorado e as entidades deportivas”, apuntou, e neste sentido, incidiu na necesidade de ampliar as horas de educación física no currículo da educación obrigatoria, un eido no que Galicia xa ten feito avances.

 

Unido a estes datos, subliñou o crecemento do deporte feminino en xeral, e das mozas, en particular. Deste xeito informou que en 2009, as licenzas deportivas femininas de Galicia eran 42.000 sobre un total de 232.000, o 18 %, mentres que hoxe suman xa 73.228 sobre un total de 292.477, o 25 %. Ademais fixo fincapé no aumento das nenas entre 6 e 16 anos que contan con seguro federado, unha cifra que se duplicou nos últimos anos ata chegar ás máis de 45.400 inscritas no programa Xogade.

 

Lete Lasa falou do deporte feminino e do deporte base como “dúas pezas clave” da política deportiva da Xunta de Galicia e, a pesar dos bos resultados colleitados que amosan que unha de cada tres licenzas federativas sexa de menores de entre 6 e 16 anos e que unha de cada catro, sexa feminina, o obxectivo é chegar á máxima poboación posible, o 100 % no caso dos escolares. Estas actuacións, apuntou, “teñen como obxecto a la consolidación de hábitos saudables para una vida activa, ao longo de todas as idades do individuo”. 

 

O secretario xeral para o Deporte destacou asemade o programa DAFIS, desenvolto dende o curso 2012-2013 que ao final deste curso superará as 50.000 valoracións a preto de 30.000 nenos e nenas entre 6-16 anos, aproximadamente, o 12 % da poboación galega nesas idades. Unha ferramenta de gran valor epidemiolóxico, recoñecida en todo o mundo, que valora o estado de saúde da poboación para a planificación de políticas de prevención e a prescrición de actividade física, exercicio e deporte. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2023