A Xunta reedita este 2023 o plan emprega muller con 16 M€ para mellorar a cualificación profesional e a empregabilidade feminina

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou na xornada ‘Mulleres empresarias e emprendedoras’ organizada pola Asociación de Empresarios de Redondela

Redondela (Pontevedra), 30 de marzo de 2023

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou hoxe na mesa de clausura da xornada Mulleres empresarias e emprendedoras coa que a Asociación de Empresarios de Redondela pon fin aos actos convocados con motivo da pasada celebración do Día Internacional da Muller. Toca aproveitou a ocasión para poñer en valor o compromiso do Goberno galego co emprego feminino a través de plans específicos como o Emprega Muller ao que este ano destinará máis de 16M€.

Tal e como lembrou Toca, o Emprega Muller persegue mellorar as capacidades das traballadoras, incentivar a súa contratación nas empresas e promover a súa empregabilidade e emprendemento.

Neste camiño, dixo, conta con catro programas específicos. “Temos activa, con sete millóns de euros de orzamento e o prazo de solicitude aberto ata o 29 de setembro, a liña específica dirixida a mulleres dentro do programa Galicia Emprega con apoios dirixidos á contratación indefinida, ao incremento da duración dos contratos fixo-descontinuos e ao incremento da xornada de traballo, de parcial a completa”, indicou. Esta iniciativa conta, tal e como salientou, cun bono de formación dirixido ás persoas contratadas coa finalidade de mellorar os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

Mellorar as capacidades dixitais de mulleres no rural, así como desenvolver un ano máis programas integrados de emprego soamente para traballadoras son outras das dúas iniciativas do Plan Emprega Muller que perseguen mellorar a empregabilidade das galegas ofrecéndolles a mellor formación.

A secretaria xeral mencionou tamén o programa Emega de emprendemento feminino, con máis de 26 anos de traxectoria “axudando ás mulleres emprendedoras a materializar as súas ideas empresariais e ao mesmo tempo contribúe á creación de novos postos de traballo femininos”, indicou. Este ano contará cun orzamento de case 4 millóns de euros cos que se espera apoiar unhas 300 iniciativas. “O programa Emega comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres”, especificou Toca, quen destacou as “medidas complementarias” que prevé para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2023