A Xunta destaca os beneficios que ten o deporte adaptado para as persoas con discapacidade

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu hoxe á presentación do Club Náutico Inclusivo Baixo Miño

Tui (Pontevedra), 30 de marzo de 2023

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou hoxe a importancia que ten o deporte como ferramenta para gañar en destrezas e habilidades persoais, socializar e avanzar cara a plena inclusión. Díxoo na presentación do Club Náutico Inclusivo Baixo Miño, que nace co obxectivo de iniciar ás persoas con discapacidade en disciplinas deportivas deste ámbito, preparalas para a obtención de titulacións náuticas e introducilas na práctica do deporte adaptado federado de competición.

 

Na súa intervención, Cristina Pichel puxo o foco en seguir traballando desde as idades temperás e na mocidade, coa finalidade de xerar actividades e espazos para o tempo libre inclusivos.

 

O Club Náutico Inclusivo Baixo Miño organizará todo tipo de actividades dirixidas ás persoas con discapacidade, como cursos e formación, saídas turísticas, convivencias e bautismos de mar, ademais de fomentar a participación en competicións deportivas.

Data de actualización: 30/03/2023