O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou hoxe as actividades que a Fundación Igual Arte desenvolve na Residencia de Tempo Libre de Panxón

A Xunta destaca a importancia da creatividade artística como ferramenta de inclusión

Usuarios do centro ocupacional e de día da entidade participan durante toda a semana en obradoiros artísticos nas instalacións de Nigrán

Nigrán (Pontevedra), 30 de marzo de 2023 O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, fixo hoxe fincapé na importancia de que todos poidamos manifestar a nosa creatividade e desenvolver as nosas inquedanzas artísticas. Este é un dos obxectivos da residencia artística que a Fundación Igual Arte desenvolve esta semana na Residencia de Tempo Libre que a Xunta de Galicia ten en Panxón e que esta mañá visitou o director xeral. 

González Abeijón destacou o traballo que desde fai máis de vinte anos está a realizar a Fundación Igual Arte para achegar a arte ás persoas con discapacidade intelectual. Neste sentido, apuntou que os obradoiros e actividades que estes días teñen lugar en Panxón constitúen un espazo no que se favorece a sensibilización e a aprendizaxe artística.

Esta é a segunda edición da residencia artística da Fundación Igual Arte. A Xunta colabora nesta iniciativa cunha axuda de 11.200 euros a través da orde do 0,7% do IRPF. A esta actividade, ademais de alumnos do centro ocupacional e de día da entidade, tamén asisten persoas procedentes de Bruxelas e País Vasco.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2023