A Xunta impulsa a celebración en Santiago dos Días Europeos da Artesanía con actividades para todos os públicos

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron esta mañá a tenda de Creativas Galegas, onde se organizan talleres de diferentes oficios e os chamados ‘Escaparates viventes’

Na cidade compostelá apóiase tamén a iniciativa Artesanías no Navalón, que se desenvolve ata mañá venres no CEE Manuel López Navalón, e unha programación de talleres que se celebrarán en diferentes lugares da rúa de San Pedro

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2023

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegáronse esta mañá ata a tenda de Creativas Galegas (rúa da Caldeirería, 36) para apoiar as actividades de divulgación dos oficios artesáns programadas por este colectivo durante os Días Europeos da Artesanía. Desde o pasado martes e ata o sábado 1 de abril, organizan talleres de diferentes oficios e unha acción divulgativa denominada Escaparates viventes, que conta co apoio da Xunta de Galicia.

 

Esta mañá, a demostración do escaparate vivente correu a cargo do obradoiro La con agarimo e esta tarde está previsto un taller de Elaboración dunha xerra de papel con D Rositas, de 16:00 a 20:00 horas. Mañá venres, o escaparate vivente será a cargo de Diana Fraíz, de Asuntos Imaxinarios, que amosará técnicas de forxado entre as 11:00 e as 13:00 horas, e o taller de formación da tarde estará dedicado ao ecoprint e dirixido por Boro. A xoieira Soledad Mato protagonizará un escaparate vivente o sábado día 1 de 11:00 a 13:30 horas e, pola tarde, Mocao impartirá un taller de elaboración dun moedeiro de coiro.

 

Os Días Europeos da Artesanía son unha iniciativa promovida en España pola Escuela de Organización Industrial (EOI) e pola súa área de promoción da artesanía, Fundesarte, no que a Xunta de Galicia colabora por décimo primeiro ano consecutivo, e no que este ano participan 23 países. A través da Fundación Artesanía de Galicia, a Administración autonómica coordina o programa na Comunidade, no que participan máis de 50 obradoiros de Artesanía de Galicia e outras entidades asociativas e centros de divulgación da artesanía.

 

Na programación inclúense xornadas de portas abertas en obradoiros artesanais, demostracións en vivo, exposicións, cursos de iniciación e actividades infantís. A través da Fundación Artesanía de Galicia, patrocínanse diferentes actividades en Vigo, Ourense, Santiago de Compostela, Buño (Malpica de Bergantiños), Ponteceso, Muros, Mondoñedo, Triacastela, Baiona, Oia, Gondomar e Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo).

 

En Santiago apóiase a iniciativa Artesanías no Navalón, que se desenvolve ata mañá venres no CEE Manuel López Navalón e no que participan os ceramistas Susana González e Carlos San Claudio; o telleiro “O Buraco”; e mais o Obradoiro Sanín. E desde mañá e ata o domingo, a Xunta apoia unha programación de talleres que se celebrarán en diferentes lugares da rúa de San Pedro e nos que participarán Kinga Haudek, Brigantia Orfebres, El Taller de Fer, Como pez en el agua, Amorote Printing Workshop.

En Muros, a Fundación Artesanía de Galicia organiza desde hoxe e ata o domingo talleres participativos para todas as idades centrados no bordado sobre postais, con Minia Banet de Variopinto; na estampaxe manual téxtil, con Xiana Cobo; e na cestería tradicional con Julia de la Cal de La Parabólica.

Do 31 de marzo ao 2 de abril, a Xunta colabora coa Asociación Oleira de Buño que organizará neste centro de olería tradicional unha visita guiada polo museo de olería e mais unha xornada de portas abertas no taller que alberga a Casa do Oleiro de Buño. En Ponteceso, patrocinarase un taller de pirogravado sobre madeira a cargo de Ilex Talla, o sábado día 1 e o domingo día 2 de abril na Fundación Eduardo Pondal.

 

Na provincia de Lugo, a Fundación colabora coa Asociación Profesional Os Muíños de Mondoñedo nas actividades que organizan nas rúas de Mondoñedo os obradoiros Estudio Estampa, Esquina Atlántica, Artesanía do Pasatempo, Ton Arenas, Miratú, Fernando Vilariño e Eiva, ata o sábado día 1. Ese mesmo día, celébrase a III Fornada Tradicional no Museo de Olería de Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo).

 

En Ourense, a Xunta colabora no programa de demostracións en vivo e de obradoiros abertos a cargo da Asociación de Artesáns de Ourense, que se celebran ata o sábado no seu local da rúa Colón. Entre hoxe e o domingo participarán Luciérnaga, Bangus, Rosa Fraíz, María Aba e Olaría do Batán. En Vigo, a Fundación Artesanía de Galicia organiza en colaboración co Museo do mar de Galicia talleres participativos os días 1 e 2 de abril, a cargo dos artesáns Como pez en el agua, Peixesapop, Joyas de Papel, Carlos San Claudio e Roberto Piñeiro. En Gondomar, a Asociación Galega de Artesáns Tradicionais organiza ata este sábado unha actividade de iniciación ao tecido artesanal. O programa completo pode consultarse na páxina web https://www.diasdelaartesania.es/

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2023