A Xunta implantará un sistema de rehabilitación e fisioterapia a través da realidade virtual nas residencias de maiores públicas autonómicas

Destinará 500.000 euros a dotar aos centros deste sistema, así como de tabletas electrónicas para que os usuarios realicen exercicios de estimulación cognitiva

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2023 A Xunta estenderá ás residencias de maiores públicas un sistema de rehabilitación e fisioterapia por realidade virtual que permite que os maiores fagan terapias a través desta tecnoloxía. Trátase dunha ferramenta que xa se probou de maneira experimental con gran éxito no centro Torrente Ballester (A Coruña), na residencia de Caranza (Ferrol) e no CRAPD de Vigo; e que favorece a recuperación dos maiores ao tempo que se divirten e fan exercicio físico. Así mesmo, adquiriranse preto dun centenar de tabletas electrónicas coas que os usuarios realizarán probas de estimulación cognitiva por medio de diversos xogos, como crebacabezas e outros pasatempos. 

O Goberno galego destinará arredor de 500.000 euros en dotar ás residencias destes dous instrumentos, que acaban de saír a licitación, e que mellorarán a atención aos usuarios e contribuirán a detectar, previr e actuar ante situacións de deterioro físico e cognitivo.

Unha vez que se complete a contratación destes dous lotes, a previsión é que estean implantados nas residencias este verán. 

Novo modelo de coidados

Esta medida inclúese dentro do novo modelo de coidados de Galicia, que ten como piares fundamentais o aproveitamento das vantaxes tecnolóxicas, o fomento da coordinación sociosanitaria, a creación de espazos máis acolledores e a humanización na atención.

Algunhas das medidas do novo modelo que o Executivo autonómico está a levar aos centros residenciais son a implantación da Historia Clínica Electrónica ou a dotación de equipos multiparamétricos para mellorar o fluxo da información e evitar erros no traspaso de datos. Ademais, estanse a realizar obras integrais nos centros da rede autonómica  e crearanse habitacións intelixentes para aproveitar os avances tecnolóxicos e garantir unha mellor atención.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2023