As persoas diagnosticadas con ELA poderán pedir a axuda de 12.000 € ao ano a partir da vindeira semana

Rueda enxalza que Galicia será a primeira Comunidade en contar cunha achega directa, de carácter retroactivo desde xaneiro, destinada aos enfermos de Esclerose Lateral Amiotrófica

A Administración autonómica habilita un orzamento de 3,2 M€ co que axudar as familias a facer fronte ao gran custo económico que supón este diagnóstico

O obxectivo do Goberno galego é achegar un apoio áxil aos doentes desta enfermidade progresiva, sen cura e altamente incapacitante

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2023

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a partir da vindeira semana se publicará xa no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova axuda para persoas diagnosticadas con Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), que consta dunha achega de 12.000 euros ao ano, con carácter retroactivo desde xaneiro.

O mandatario galego enxalzou o feito de que Galicia será a primeira Comunidade que desenvolva unha medida “pioneira” coma esta destinada aos doentes dunha enfermidade progresiva, sen cura e altamente incapacitante. Para iso, expllicou que se habilita un orzamento de máis de 3,2 millóns de euros cos que axudar ás familias a facer fronte ao gran custo económico que supón este diagnóstico, xa que unha persoa con ELA pasa nuns meses de ser plenamente autónoma a ter unha gran dependencia.
 
O presidente da Xunta precisou que en Galicia hai máis de 250 persoas con ELA, e apuntou o feito de que cada ano se diagnostican 30 novos casos. Con esta axuda poderán facer fronte aos gastos máis básicos como a alimentación, o coidado ou a rehabilitación, e tamén outros de grande importancia como a compra de material sanitario, guindastres, cadeiras de rodas, colchóns especiais ou camas articuladas. Así mesmo, servirá para adaptar fogares para realizar, por exemplo, melloras de accesibilidade en baños ou dormitorios, así como para a colocación de elevadores ou ascensores; ou para a compra de vehículos adaptados.
 
Esta non é primeira vez que a Comunidade se sitúa á vangarda neste ámbito. No 2018 tamén foi pioneira ao crear o Proceso asistencial integrado de Esclerose Lateral Amiotrófica. Ao amparo deste procedemento de actuación buscouse axilizar a atención das persoas con esta enfermidade. Así, establecéronse vías rápidas: a nivel sanitario, para axilizar o diagnóstico; e a nivel social, abrindo unha vía preferente para que as solicitudes de dependencia da ELA se tramiten en menos dun mes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2023