A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, xunto co alcalde do Concello, José Crespo, visitou este centro da capital do Deza

A Xunta destinará 50.000 euros a mellorar as instalacións da escola infantil Pontiñas de Lalín

Substituirase a cuberta principal, os canos e dotarase de novas baixantes exteriores para evitar posibles filtracións de auga


O período de solicitude de matrícula nesta escola e na emprazada no Polígono Lalín 2000 está aberto ata o 5 de abril
 

Lalín (Pontevedra), 30 de marzo de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do alcalde de Lalín, José Crespo, visitou esta semana as instalacións da escola infantil pública autonómica emprazada no Lago Pontiñas. Alí  informoulle ao rexedor que a Xunta de Galicia destinará 50.000 euros para realizar diferentes melloras no inmoble.

 

Máis polo miúdo, a obra consistirá na substitución da cuberta principal, dos canos e contará coa dotación de novas baixantes exteriores para evitar posibles filtracións de auga ao interior do edificio. Esta actuación ten como obxectivo mellorar a comodidade tanto dos nenos do centro como do profesorado.

 

O Goberno galego financia as obras mediante a compensación do importe nas liquidacións que ten que pagar o Concello ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Será a Administración local a que execute os traballos.

 
Actuacións nas escolas infantís

A Xunta de Galicia xa financiou en anos anteriores melloras en ambas escolas infantís públicas autonómicas emprazadas na localidade. No 2019, ampliouse o centro do Lago Pontiñas ao pasar de catro a cinco unidades; e no 2020, levouse a cabo a reforma integral da cociña, o que permitiu incrementar a súa superficie e o número de prazas de comedor; así como habilitar un novo espazo para almacén e renovar o equipamento deste servizo. Estas dúas actuacións tiveron un custe de 88.000€.

 

Con respecto á escola do Polígono Lalín 2000, no curso 2021-22, financiáronse melloras por un montante de 36.000€. Estes traballos afectaron a elementos internos e externos do inmoble, como a porta de acceso, ventás e cerres infantís. Tamén incluíron a soleira de formigón ou a pavimentación dunha rampla de acceso con caucho, entre outras intervencións.

 
Prazo aberto

Así mesmo, Fabiola García recordou que segue aberto o prazo de solicitude de matrícula nas escolas infantís públicas autonómicas. Polo tanto, ata o 5 de abril, as familias poden realizar esta solicitude tanto de xeito electrónico como presencial. No caso de Lalín, nos centros que hai no Pontiñas e no Polígono.

 

Neste sentido, subliñou que o vindeiro curso 2023/2024 será o segundo completo coa gratuidade en todos os centros. Esta medida pioneira conta cun orzamento da Xunta de Galicia de máis de 55 millóns de euros para que as familias poidan aforrar de media máis de 2000 euros por fillo ao ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2023