O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, asistiu esta mañá á presentación deste novo servizo

A Xunta incrementa o convenio con AGAT para a creación dunha nova unidade de atención temperá no Salnés sur

Duplica o investimento do convenio con esta entidade ata acadar os preto de 740.000 euros e crear así este novo recurso con sede en Sanxenxo


Dará cobertura aos concellos de Sanxenxo, O Grove, Meaño, Meis e Ribadumia que ata agora acudían ao centro de Vilagarcía de Arousa
 

Sanxenxo (Pontevedra), 30 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia incrementou o convenio coa Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT) para a creación dunha nova unidade no Salnés Sur que dará cobertura aos concellos de Sanxenxo, O Grove, Meaño, Meis e Ribadumia. O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, asistiu esta mañá á presentación deste novo servizo de atención a nenos de 0 a 6 anos con posibles problemas de desenvolvemento.

 

O director xeral explicou que o Goberno galego duplicou o investimento do convenio coa AGAT ata acadar os preto de 740.000 euros. Deste xeito, esta entidade poderá abrir este novo centro con sede en Sanxenxo e que aliviará a carga asistencial que actualmente asumía a unidade de Vilagarcía de Arousa.

 

A Asociación Galega de Atención Temperá pasará a contar deste xeito con catro unidades en funcionamento: unha en Bergantiños, que dá cobertura aos concellos de Carballo, Cabana, Coristanco, Laxe, Malpica e Ponteceso; outra no Deza que atende aos nenos de Lalín, Agolada, Dozón, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces; outra no Salnés norte, para os municipios de Vilagarcía, Vilanova e A Illa; e esta nova unidade no Salnés Sur. 

 
Unidades municipais

O Goberno galego impulsa ademais a creación de unidades de atención temperá de titularidade municipal. Nestes momentos, en Galicia están en funcionamento 40 centros que dan servizo a un total de 200 concellos. Fernando González Abeijón destacou o importante esforzo do Goberno galego por levar estes servizos a todos os recunchos de Galicia. Neste sentido, lembrou que no ano 2009 tan só existían dúas unidades en toda a Comunidade que daban cobertura a 15 concellos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2023