O Plan Emprega Xuventude da Xunta impulsa o talento da mocidade con 29,1 M€ en 2023 para incentivar a formación e a contratación de 1.800 persoas

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe en Oleiros na inauguración da Feira de Emprego Young Talent

Oleiros (A Coruña), 29 de marzo de 2023

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, sinalou hoxe en Oleiros, na inauguración da Feira de Emprego Young Talent, a importancia de desenvolver, atraer e reter talento para facer do tecido produtivo de Galicia “unha rede sólida de coñecemento e un territorio atractivo para as mozas e mozos”.

Apuntou que o Plan Emprega Xuventude 2023 da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ten como reto principal incentivar a formación e a contratación dos máis novos con 29,1 millóns de euros para este año. O Plan inclúe para chegar a máis de 1.840 mozas e mozos un total de cinco programas entre os que se atopa un novo que, cun investimento de 4,2 millóns de euros, xa se convocou este ano. Son axudas dirixidas a organismos intermedios e asociacións empresariais para que as mozas e os mozos en situación de desemprego teñan unha primeira oportunidade no mercado laboral, adquirindo experiencia e mellorando as súas capacidades.

Lado resaltou a importancia de que a mocidade teña a oportunidade de demostrar a súa valía e os seus valores a través dunha primeira experiencia laboral, subliñando, tamén, que tan importante é esa experiencia como contar con formación ao longo de toda a traxectoria profesional. “Só con preparación poderemos prosperar nas nosas carreiras profesionais”, indicou.

A directora xeral explicou que a Xunta traballa, da man do tecido empresarial galego, en ofrecer unha formación constante e permanente, para o que se está a desenvolver un “amplo programa de formación” tanto para as persoas que están en activo como para aquelas que buscan un posto de traballo. A Administración autonómica, en concreto, está a deseñar o seu plan de formación logo de avaliar o contexto socieconómico, escoitando ás empresas e adecuando os contidos formativos ás necesidades reais do actual mercado laboral. “Só deste xeito poderemos mellorar a competitividade dos negocios e dispoñer de profesionais máis preparados e mellor cualificados, traballando da man, nesa colaboración público privada, co obxectivo de levar a cabo unha renovación das políticas activas de emprego e da formación para o emprego e o emprendemento”, engadiu.

Os polos de emprendemento

No eido do emprendemento e, no compromiso do Goberno galego de favorecer as condicións e construír un ecosistema formativo para o emprego de primeiro nivel, Lado referiuse á Rede autonómica de polos de emprendemento e apoio ao emprego que está a brindar apoio e asesoramento a quen escolle o camiño de emprender, co obxectivo de mellorar a contorna emprendedora en Galicia, dinamizar o mercado de traballo e apoiar a consolidación de negocios viables e sostibles que enriquezan Galicia.

Esta Rede, que está composta por 15 polos, distribuídos nas catro provincias e dotados dun sistema de intelixencia territorial para o emprendemento, facilita o inicio da actividade por conta propia, e supón, en palabras de Lado, “un novidoso enfoque” na forma de emprender, orientado a proxectos que teñan unha vinculación co territorio e a favorecer a interacción entre os ámbitos rurais e urbanos, ofrecendo toda a axuda necesaria e acompañando o desenvolvemento dos proxectos de inicio a fin. Na actualidade xa están activos seis polos que dan cobertura a máis da metade dos concellos galegos e está previsto que a finais deste ano estea operativa a totalidade da Rede.

Para concluír, a directora xeral puxo en valor a Feira de Emprego que se celebra en Oleiros e na que están a participar preto de 40 empresas. Afirmou que un foro que busca ser unha porta aberta a mellorar a empregabilidade e a novas oportunidades laborais. “Un foro como este, centrado no talento mozo, está chamado a ser unha eficaz plataforma para mostrar o magnífico potencial da xente nova, cunha formación sobresaínte, aptitudes e coñecementos decisivos para o progreso da nosa sociedade”, remato.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/03/2023