A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, presentou a iniciativa esta mañá no centro coruñés

A Xunta pon en marcha o Plan galego de residencias libres de suxeicións

Xa se comezou a desenvolver nas residencias públicas autonómicas de Torrente Ballester, na Coruña, e de Campolongo, en Pontevedra

O Goberno galego conta coa colaboración da Confederación Española de Organizacións de Maiores para a súa aplicación

Permitirá darlle aos profesionais máis ferramentas para a atención dos usuarios, crear espazos máis adaptados e fomentar o uso da tecnoloxía para alertar das posibles incidencias que se produzan

A Coruña, 29 de marzo de 2023 A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, anunciou esta mañá a posta en marcha do Plan galego de residencias libres de suxeicións, que se aplicará en todos os centros da rede pública autonómica. Unha iniciativa que xa se comezou a implantar nas residencias de Torrente Ballester (A Coruña) e Campolongo (Pontevedra).  

A conselleira explicou que este Plan daralle ao persoal sociosanitario máis ferramentas para a atención aos usuarios, adaptará os espazos para facelos menos perigosos e evitar así posibles caídas, e empregará a tecnoloxía para crear habitacións intelixentes que alerten das posibles incidencias que se produzan.

O Goberno galego conta coa colaboración da Confederación Española de Organizacións de Maiores (Ceoma) para a aplicación deste Plan. Trátase dunha entidade de referencia a nivel estatal e que é pioneira na erradicación destas prácticas nos centros de servizos sociais. En Galicia, estes mecanismos xa se empregan como último recurso na actualidade e sempre que exista unha prescrición médica e un consentimento informado.

Novo modelo de coidados

Esta medida inclúese dentro do novo modelo de coidados de Galicia que ten como piares fundamentais o aproveitamento das vantaxes tecnolóxicas, o fomento da coordinación sociosanitaria, a creación de espazos máis acolledores e a humanización na atención. O Goberno galego está a poñer en marcha este novo modelo nas residencias da rede pública autonómica mediante diversas iniciativas.

En concreto, comezouse a implantación da Historia Clínica Electrónica e contratáronse equipos multiparamétricos para mellorar o fluxo da información e evitar erros no traspaso de datos; tamén se están a realizar obras integrais nos centros da rede autonómica como o de Torrente Ballester no que se investirán 1,8 millóns de euros; e crearanse habitacións intelixentes para aproveitar os avances tecnolóxicos e garantir unha mellor atención.

Lei de Familias

Por outra banda, a conselleira lamentou a falta de diálogo do Goberno central na nova Lei de Familias “elaborada de forma unilateral”. A Xunta presentou no seu día alegacións a esta normativa que non tiveron resposta por parte do Executivo central. 

Fabiola García criticou que a nova Lei de Familias suprime “o concepto e o apoio ás familias numerosas”, e que invade competencias autonómicas. Neste sentido, asegurou que a Xunta seguirá estando ao carón de todas as familias galegas con medidas concretas como a gratuidade das escolas infantís, na que a Administración autonómica destina máis de 55 millóns de euros de fondos propios, sen recibir colaboración económica algunha do Goberno central.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/03/2023