A Xunta publica a aprobación do proxecto do Eixe de mobilidade sostible na estrada vella de Marín entre Mollabao e Os Praceres, cun investimento de 6,7 M€

Executarase un itinerario de 3,5 km de lonxitude ao longo da PO-546 co obxectivo de transformar a estrada e mellorar a súa funcionalidade, orientándoa ao tránsito de peóns, ciclistas e transporte público
 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitará as obras en abril co obxectivo de comezar os traballos no outono, cun prazo de execución de 18 meses
 

O trazado da senda irá separado da estrada autonómica na travesía da Gandarela, por mor da falla de espazo entre as construcións existentes
 

Executarase unha glorieta na intersección de acceso ao Centro de Investigacións Forestais de Lourizán coa PO-546 para reducir a velocidade dos vehículos que acceden á travesía da Gandarela desde Marín e mellorar a seguridade no acceso a este centro
 

 A Xunta impulsa a mobilidade peonil-ciclista na unión do núcleo de Marín coa cidade de Pontevedra, comunicando os puntos de interese ao longo dun eixe oeste-este, como o porto, os edificios da Xunta e os centros formativos, de saúde ou deportivos
 

O Goberno galego destina un investimento global de preto de 10 M€ para transformar a antiga estrada entre Pontevedra e Marín nun verdadeiro eixe de mobilidade sostible
 

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2023

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da aprobación definitiva do proxecto para conformar un eixe de mobilidade sostible na estrada vella entre Pontevedra e Marín no treito que une Mollabao e Os Praceres, que suporá  un investimento de case 6,7 millóns de euros.

Na seguinte ligazón pode consultarse a información relativa a esta resolución do DOG: https://acortar.link/REJxv9
 
A aprobación definitiva do proxecto, á que deu luz verde recentemente o Consello da Xunta, implica a declaración de utilidade pública. O investimento de 6,7 M€ inclúe o pagamento dos 39 predios precisos para actuar  neste treito da vía autonómica, no concello de Pontevedra, co obxectivo  de transformar a estrada e mellorar a súa funcionalidade, orientándoa ao tránsito de peóns, ciclistas e transporte público.
 
O obxectivo é executar un itinerario pola marxe dereita da PO-546, de 3,5 quilómetros de lonxitude e cun ancho que oscilará entre os 2,9 e os 4 metros, entre os puntos quilométricos 0+590 e 4+090.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé licitar as obras en abril e convocará o levantamento de actas previas das expropiacións no segundo trimestre deste ano, co obxectivo de comezar os traballos no outono. A intervención ten un prazo de execución de 18 meses.

O detalle das actuacións

En concreto, neste treito que comunica Mollabao e Os Praceres prevese a separación con respecto á estrada do trazado da senda na travesía da Gandarela, debido á falla de espazo entre as construcións existentes.

Habilitarase unha glorieta á altura da intersección de acceso ao Centro de Investigacións Forestais de Lourizán coa PO-546, coa finalidade de reducir a velocidade dos vehículos que acceden á travesía da Gandarela procedentes de Marín e mellorar a seguridade no acceso a este centro.

Esta glorieta tamén facilitará o cambio de sentido dos vehículos procedentes de Marín que queiran acceder ao futuro aparcadoiro disuasorio tipo carpooling que a Xunta ten previsto executar na contorna do punto quilométrico 2+800 da estrada e ao que destinará un investimento de 500.000 euros.

Ademais melloraranse as paradas de transporte público, favorecendo a mobilidade en autobús entre Marín e Pontevedra, e renovarase a iluminación no treito de actuación.
 
O proxecto recolle tamén distintas estruturas que redundan na mobilidade sostible, como a execución de dúas pasarelas a distinto nivel da senda peonil, unha de máis de 120 metros sobre o rego de Louriñas, e a outra de 45 metros sobre O Sartán.
 
Tamén se executarán muros de sostemento, necesarios pola proximidade da vía do ferrocarril nalgunhas zonas, prolongando os xa existentes para poder lograr un ancho de senda adecuado e obter zonas amplas nas que se prevé a instalación dun parque infantil.
 
A intervención completarase coa dotación de zonas de esparexemento, destacando a habilitación dun miradoiro, no punto 1+050, aproveitando o espazo inutilizable na marxe dereita da calzada, cun pequeno parque infantil e zona verde que permita gozar das vistas da ría de Pontevedra.
 
Tras a análise das achegas recibidas, o departamento de Infraestruturas da Xunta prevé axustes que permitan mellorar a actuación e reducir a afección, nas que se incluirán pequenas variacións no deseño que permiten minimizar a afección nalgunhas fincas a expropiar.
 
Ademais mellorarase a parada de autobús situada no punto quilométrico 1+460, na marxe dereita da estrada, cunha zona de estacionamento para o autobús e un novo refuxio.
 
A solicitude dos veciños do Sartán, incorpórase na actuación unha nova zona de aparcadoiro en liña entre os puntos quilométricos 3+300 e 3+350, coa reserva dunha praza para unha persoa con mobilidade reducida.
 
No proxecto incluirase tamén a renovación da rede de augas fecais entre os puntos quilométricos 3+800 e 4, mellorando deste xeito a drenaxe das augas pluviais.
 
O Goberno galego segue avanzando no impulso da conformación deste novo eixe de mobilidade peonil-ciclista que conectará Marín coa cidade de Pontevedra, comunicando comunicar os puntos de interese ao longo do eixe oeste-este, tales como o porto, os servizos administrativos da Xunta e os centros formativos, de saúde ou deportivos.
 
A actuación entre Mollabao e Os Praceres compleméntase coas xa executadas no treito urbano de Marín, en convenio entre Xunta e Concello; coa que está en execución da 1ª fase de acondicionamento en Estribela, en Pontevedra; cunha 2ª fase de Estribela; así como co proxecto para rematar os treitos urbanos de Marín, cuxas obras se licitarán nas vindeiras semanas. 
 
Ademais, o eixe de mobilidade sostible Pontevedra-Marín completarase coa instalación dun aparcadoiro disuasorio en Pontevedra que terá 71 prazas de estacionamento.
 
O Goberno galego completará así un investimento de case 10 millóns de euros que está xa a transformar esta antiga estrada entre Pontevedra e Marín nun verdadeiro eixe de mobilidade sostible.
 
Estas actuacións impúlsanse ao abeiro dos fondos europeos Next Generation a través dos cales o Goberno galego segue a traballar no obxectivo do fomento dunha mobilidade sostible nas cidades galegas, con diversas liñas de intervención.

Data de actualización: 29/03/2023