O Sergas publica a relación provisional das listas de selección temporal de dúas categorías de persoal estatutario do ámbito da biblioteconomía e documentación

A categoría con máis aspirantes é a de técnico de grao medio en biblioteconomía e documentación, con 76 admitidos

Resultaron admitidas 142 inscricións

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2023 O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a relación provisional coa orde de prelación e a puntuación obtidas polas persoas aspirantes admitidas no primeiro proceso de elaboración das listas de selección temporal de dúas categorías: bibliotecario e técnico de grao medio en biblioteconomía e documentación.

Resultaron admitidas 142 inscricións. A categoría con máis aspirantes é a de técnico de grao medio en biblioteconomía e documentación, con 76 admitidos. É o primeiro proceso de listas para estas categorías.

A selección de aspirantes efectuouse consonte o disposto na Resolución do 13 de xuño de 2016, pola que se aproba o Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (DOG nº123, do 30 de xuño).

Está en tramitación o Decreto de creación destas dúas categorías de bibliotecario e técnico de grao medio en biblioteconomía e documentación. Sen prexuízo desta próxima aprobación, publícanse no día de hoxe as listas de admitidos e excluídos provisionais nestas categorías, co obxectivo de contar con profesionais dispoñibles para a contratación temporal.

As bibliotecas do Servizo Galego de Saúde, cuxo papel na organización foi potenciado coa creación da biblioteca virtual Bibliosaúde por Orde da Consellería de Sanidade, desenvolven a función esencial de difundir o coñecemento científico-técnico nas ciencias da saúde e poñer a disposición das persoas usuarias información relevante e actualizada para a toma de decisións na práctica clínica, a docencia, a investigación e a xestión.

En correspondencia con ese relevante papel e na procura de impulsalo, o Servizo Galego de Saúde traballa na apertura destas dúas novas listas de selección de persoal estatuario temporal no ámbito da biblioteconomía e documentación, publicando neste momento a lista provisional de admitidos.

Tal e como recolle a convocatoria, o persoal bibliotecario e técnico de grao medio en biblioteconomía e documentación exercerá as función inherentes que derivan das súas titulacións de acceso nas bibliotecas do Servizo Galego de Saúde.

As listas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), no apartado Emprego Público-Listaxes de persoal estatutario. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Próximas publicacións

O próximo tres de abril publicaranse as listas definitivas de técnico superior en ciencias da información, e o próximo catro de abril, as listas definitivas de enfermeiro, enfermeiro do 061 e técnico en coidados auxiliares de enfermaría.

 

Data de actualización: 29/03/2023