A Xunta lamenta profundamente o pasamento de Pablo Aguirregabiria, alma máter do OAR Ciudad 1952 e impulsor do balonmán na Coruña
O ex xogador e adestrador do OAR será galardoado coa distinción ao Mérito Deportivo da Xunta de Galicia a título póstumo
Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2023
A Xunta de Galicia lamenta profundamente o pasamento de Pablo Aguirregabiria, alma máter e adestrador do OAR Ciudad 1952 e impulsor do balonmán coruñés. O Goberno galego quere trasladar tamén o seu pésame aos seus seres queridos e a toda a familia do OAR.
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, gabou a figura de Pablo, un home que “a pesar de nacer en Guipúzcoa, estivo dende moi novo vencellado á Coruña e ao OAR, onde foi xogador, adestrador, xestor ou director técnico, amosando a súa gran polivalencia e o seu grande amor pola Coruña e polo balonmán galego”.
Neste sentido e para recordar a memoria de Pablo Aguirregabiria, o vicepresidente segundo anunciou que será galardoado coa distinción ao Mérito Deportivo da Xunta de Galicia a título póstumo.