O conselleiro de Cultura, acompañado pola delegada da Xunta en Ferrol, asina un protocolo de colaboración co bispo da Diocese de Mondoñedo-Ferrol

A Xunta investirá máis de 750.000 € na restauración da Concatedral de San Xiao e a igrexa das Dores

Trátase da primeira actuación do Plan Catedrais da Consellería neste templo, que consistirá na limpeza de superficies da torre, encintado e selado de xuntas así como a consolidación e reposición do capitel, entre outras

En virtude desta colaboración, tamén se actuará nas fachadas, na sancristía e no interior da nave da igrexa das Dores

“No seu conxunto serán máis de 755.000 € para reforzar o rico patrimonio cultural de Ferrol cunha aposta firme pola súa conservación”, explica Román Rodríguez

Ferrol, 28 de marzo de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, asinou hoxe un protocolo de colaboración co bispo da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, co que a Xunta iniciará os traballos previstos no Plan Catedrais para a Concatedral de San Xiao. Realizaranse tamén distintas melloras na igrexa das Dores. En conxunto, o investimento supera os 750.000 euros.

O titular de Cultura, salientou que con estas accións “a Xunta consolida a súa aposta por seguir reforzando o rico patrimonio cultural de Ferrol e fai que o Plan Catedrais chegue tamén a esta cidade grazas a esta folla de ruta coa que pon a punto as catedrais e concatedrais galegas con vistas ao Xacobeo 2027”. Neste sentido, destacou que neste templo se procederá á restauración da Torre Norte coa limpeza de superficies, encintado e selado de xuntas ou a consolidación superficial dos elementos de cantaría danada da fábrica de pedra da torre.

Ademais, procederase á recolocación do vástago sobre o que se sustenta a bola, catavento, cruz e pararraios que foi retirado polo perigo de caída e a restauración, consolidación e reposición do capitel, incluíndo os traballos de desmontaxe e nova montaxe do mesmo. Para estes traballos está prevista unha achega superior aos 422.000 €.

Investimento nos últimos anos

Pola súa banda, o protocolo de colaboración asinado hoxe tamén suporá melloras na igrexa de Nosa Señora das Dores. En concreto, actuarase nas fachadas, na sancristía e no interior da nave. Deste xeito, procederase á limpeza e restauración das fábricas de pedra e remates das torres, incorporación de ventilación na carpintería existente na nave, pintura, eliminación de cableado e pararraios, de ser necesario. Na sancristía substituirase a carpintería exterior, entre outros aspectos. Tamén está previsto mellorar a instalación eléctrica e de alumeado completa. Neste caso, o investimento previsto será superior a 335.000 euros.

Como engadiu o titular de Cultura da Xunta, estas actuacións dan continuidade e reforzan ao traballo emprendido polo Goberno autonómico na posta en valor do patrimonio cultural de Ferrol.  En concreto, con estas novas actuacións previstas na igrexa de Nosa Señora das Dores -especialmente simbólico para a cidade pola súa vinculación coa celebración da Semana Santa ferrolá, declarada de Interese Turístico Internacional- o investimento da Xunta no templo supera xa o medio millón de euros, xa que se destinaron con anterioridade máis de 250.000 euros para a rehabilitación deste templo. Na cidade, entre outras actuacións tamén se contribuíu recentemente á restauración do paso de palio da Virxe da Amargura e da Piedade da Confraría de Dores e a Xunta tamén impulsou nos últimos anos a restauración do Santuario de Nosa Señora das Angustias, cun investimento superior aos 114.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/03/2023