A conselleira de Política Social e Xuventude participou hoxe no aniversario das Aulas Sénior en Lalín, xunto co alcalde do concello, José Crespo, e o presidente de Ategal, Ángel Fagilde

A Xunta apoia o envellecemento activo mediante un convenio con Ategal de 190.000 euros

Fabiola García reivindicou que os maiores sexan cada vez “máis libres de vivir esta etapa” das súas vidas

 

Lalín (Pontevedra), 28 de marzo de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, destacou hoxe que a Xunta asinará un convenio coa Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (Ategal) mediante o que achegará 190.000 euros para que esta entidade sen ánimo de lucro consolide a súa oferta de actividades para favorecer o envellecemento activo. Así o subliñou no primeiro aniversario das Aulas Senior en Lalín.

 

Fabiola García destacou a oferta da Xunta para que os maiores sexan cada vez “máis libres de vivir esta etapa da vida” e no que reivindicou que as distintas administracións teñan en conta ás persoas de máis idade: “Temos que escoitalas para dar resposta ás súas demandas”.

 

Ategal conta con máis de 1.200 persoas repartidas por toda Galicia que participan nas distintas actividades que organiza como seminarios, visitas culturais, conferencias ou pilates, e entre as que destacan as Aulas Sénior, un programa de formación no que colaboran as tres universidades públicas galegas e que permite aos maiores seguir formándose academicamente en diversas disciplinas do seu interese.

 

O alcalde de Lalín, José Crespo, e o presidente de Ategal, Ángel Fagilde, acompañaron á conselleira na entrega de diplomas aos matriculados neste curso. Precisamente, a titular de Política Social e Xuventude puxo como exemplo ao concello da capital do Deza, ao tratarse do único de toda Galicia que colabora economicamente con esta entidade ata o punto de que este servizo resulta completamente de balde para os seus veciños.    

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/03/2023