A Xunta colabora co Concello de Aranga na adquisición dun todoterreo para labores ambientais

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou a localidade para comprobar o funcionamento da dotación enmarcada no Fondo de Compensación Ambiental

A achega do Goberno galego para o vehículo ao servizo da brigada ambiental municipal ascendeu a case 37.000 euros

A través das distintas liñas de apoio ao eido local, o Executivo autonómico investiu neste municipio máis de 853.000 euros nos últimos anos

Aranga (A Coruña), 28 de marzo de 2023

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou a localidade de Aranga para comprobar a dotación adquirida polo Concello co apoio da Xunta ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental. Trátase dun vehículo todoterreo destinado a facilitar o labor da brigada ambiental municipal e que supuxo unha achega por parte do Goberno galego de case 37.000 euros.

Segundo sinalou a directora xeral, o novo todoterreo permite trasladar o persoal e ferramentas precisas para realizar accións de protección do medio natural, así como o seu transporte a lugares de difícil acceso. Búscase deste xeito garantir o mantemento durante todo o ano de espazos de uso recreativo e didáctico, como a rede de sendeiros e de áreas recreativas ou as fragas, principais riquezas naturais e ambientais da comarca. Natalia Prieto referiuse tamén á relevancia da superficie forestal neste concello, que require de constantes labores de limpeza para a prevención de lumes.

Neste sentido salientou a importancia do Fondo de Compensación Ambiental como liña específica de apoio ás administracións locais para o desenvolvemento de accións a prol da contorna. Esta convocatoria, dotada con máis de 11 millóns de euros, facilitoulle ao concello de Aranga tamén en 2021 a creación e posta en marcha dunha brigada ambiental conxunta con Monfero e Vilarmaior, cunha achega de 11.520 euros por parte da Xunta.

A través desta medida concellos, mancomunidades e consorcios locais, obteñen subvencións para campañas divulgativas, melloras de eficiencia enerxética, integracións paisaxísticas ou proxectos para evitar a degradación ambiental, entre outras accións. Desde a súa posta en marcha, en 2010, a Xunta cofinanciou proxectos por un importe de case 117M€.

A maiores, Prieto lembrou que as entidades locais dispoñen tamén da orde de infraestruturas de uso público para a creación e mellora de instalacións municipais que garantan a prestación de servizos eficientes e de calidade. Abeiro desta convocatoria, Aranga recibiu o pasado ano 33.880 euros para a mellora da iluminación do campo de fútbol. “O conxunto das distintas liñas de apoio ao eido local supuxo nos últimos anos un investimento de máis de 853.000 euros neste municipio”, engadiu a directora xeral. A esta contía súmanse as achegas anuais do Fondo Base de Cooperación Local, que no caso de Aranga en 2022 ascendeu a máis de 183.000 euros.  

Natalia Prieto incidiu no compromiso da Xunta coas administracións locais, como principais canles para atender as necesidades básicas da cidadanía e garantir a protección dos espazos naturais. Así, referiuse ao orzamento global destinado polo Goberno galego ao eido local, que suma neste exercicio 564,3M€, un 15,5% máis que en 2022, entre os 143,4M€ do Fondo de Cooperación Local (FCL) e as ordes de subvención dos distintos departamentos autonómicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/03/2023