A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe as instalacións da entidade

A Xunta concede a Amicos 1,2 M€ para ampliar as prazas da súa residencia nun 70 %

Dotarase de 25 novas prazas de atención residencial para chegar ata as 62

O Goberno galego destina 13 millóns de euros en axudar a que unha decena de entidades melloren os seus servizos ou creen outros novos

Boiro (A Coruña), 27 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia concedeu 1,2 millóns de euros a Amicos para ampliar a capacidade da súa residencia nun 70 %, coa creación de 25 novas prazas. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe este centro, que na actualidade conta con 37 prazas e que coa ampliación acadará as 62, asentándose deste xeito como un servizo de referencia para as familia do Barbanza, da ría de Arousa e doutras poboacións próximas. 

Esta achega económica outorgada a Amicos enmárcase na orde de axudas posta en marcha polo Executivo autonómico para a construción ou remodelación de centros de titularidade social, que está dotada de 13 millóns de euros. Esta convocatoria de axudas permitirá que dez entidades sociais de Galicia, como é o caso de Amicos, melloren os seus servizos ou creen outros novos.

Fabiola García salientou o apoio da Xunta ao tecido asociativo que traballa no ámbito da atención á discapacidade, con axudas directas a través da orde do IRPF que este ano conta con 19 millóns de euros; con máis prazas públicas financiadas nos seus centros; cunha achega específica de 3,4 millóns de euros para a actualización dos salarios do seu persoal ou coa nova liña de subvencións para a compra de vehículos adaptados, da que tamén se beneficia Amicos con 65.000 euros para a adquisición de dúas unidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/03/2023