O presidente da Xunta interveu no acto do pregón que dá inicio á celebración, declarada de Interese Turístico Internacional no ano 2014

Rueda salienta que a Semana Santa de Ferrol aporta valor engadido á oferta turística de Galicia

Subliña a autenticidade dun evento que se mantivo fiel ás súas tradicións e que atrae a milleiros de visitantes que buscan unha oferta diferenciada e de calidade

Ferrol, 25 de marzo de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe que a Semana Santa de Ferrol aporta valor engadido á oferta turística de Galicia. O titular do Goberno galego asistiu á lectura do pregón que deu inicio ao programa de actos e que correu a cargo do xornalista e escritor Ramón Loureiro. Na súa intervención, subliñou a autenticidade dun evento que se mantivo fiel ás súas tradicións e que atrae a milleiros de visitantes que buscan unha oferta diferenciada e de calidade.

Rueda recordou que Galicia viña de pechar un ano histórico desde o punto de vista turístico no que, ademais do pulo do Camiño, tivo moito que ver a oferta diferente e diferenciada de acontecementos como o da Semana Santa de Ferrol, que aportan calidade, orixinalidade e autenticidade. O presidente da Xunta destacou o mérito dos ferroláns que souberon manter perante séculos unha tradición declarada no ano 2014 Festa de Interese Turístico internacional pola espectacularidade das súas procesións, pola grandiosidade das imaxes e dos pasos e pola implicación das confrarías e de toda a cidade na súa organización.

O mandatario galego subliñou que Galicia agarda repetir este ano os éxitos do Xacobeo porque a Comunidade está de moda máis alá do Ano Santo, e engadiu que coa lectura do pregón da Semana Santa de Ferrol dábase o tiro de saída á temporada grande do turismo en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/03/2023