O xerente do Consorcio Galego de Servizos Sociais e Igualdade, Perfecto Rodríguez, comprobou hoxe o avance nos traballos deste futuro servizo acompañado do alcalde Horacio Gil

A Xunta financiará o equipamento do novo centro social municipal para persoas maiores de Arbo

O Goberno galego tamén inviste 270.000 euros nas obras de acondicionamento do edificio que albergará este recurso e cuxa xestión dependerá do Concello

Arbo (Pontevedra), 25 de marzo de 2023 O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, anunciou hoxe que asinará un convenio de colaboración co Concello de Arbo para financiar con 40.000 euros o equipamento do novo centro social da localidade, de titularidade municipal. Perfecto Rodríguez comprobou hoxe, acompañado do alcalde Horacio Gil, o avance nas obras de acondicionamento do edificio que albergará este novo servizo, que xestionará o Concello e que sufraga na súa maioría o ente autonómico cunha achega económica de 270.000 euros.

Esta nova infraestrutura para as persoas maiores de Arbo contará con 569 metros cadrados distribuídos en dúas plantas. Na primeira localizaranse os espazos para usos máis dinámicos como salón social e cafetería, ademais de cuartos de baño. Na segunda planta emprazaranse as salas de rehabilitación, de audiovisuais, de terapia ocupacional, de lectura, vestiarios e aseos vencellados á rehabilitación, vestiarios de persoal, sala de reunións e despacho.

Así mesmo, o proxecto elaborado polo Concello contempla reservar un espazo do inmoble para destinalo a Punto de Atención á Infancia para nenos de 0 a 3 anos, que tamén será de xestión municipal. 

Envellecemento activo

Perfecto Rodríguez destacou que este tipo de actuacións demostran a firme aposta da Xunta de Galicia por seguir ampliando os servizos nos concellos máis pequenos e menos poboados. Neste sentido, sinalou que o novo centro social de Arbo será un punto de encontro para os maiores do municipio, así como e un lugar no que poderán participar en actividades e recibir os coidados que necesitan para un envellecemento activo e saudable.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/03/2023