A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, explicou hoxe as características deste novo servizo nas II Xornadas da Asociación Galega do Sector da Dependencia (Agasede)

A Xunta abrirá a principios do vindeiro ano o primeiro centro de coidados intermedios público no Cegadi

Contará con 60 prazas de atención agrupadas en catro unidades de convivencia para un máximo de 15 persoas cada unha delas

Atenderase a persoas coa alta hospitalaria que precisen de axuda e rehabilitación para completar a súa recuperación antes de regresar ás súas casas ou centros residenciais
 

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2023

A Xunta porá en servizo a principios do vindeiro ano 2024 o primeiro centro de coidados intermedios público nas instalacións do Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi), na capital galega. Avanzouno hoxe a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, nas II Xornadas da Asociación Galega do Sector da Dependencia (Agasede).

Fabiola García explicou que se investirá máis dun millón de euros para incluír este novo recurso no Cegadi, que contará con 60 prazas de atención agrupadas en catro unidades de convivencia para un máximo de 15 persoas cada unha delas. Ademais, disporá de novos espazos administrativos para o persoal de traballo e cunha nova cociña.

No centro de coidados intermedios público atenderase a persoas que reciben a alta hospitalaria, prestándolles a axuda e rehabilitación que necesiten para completar a súa recuperación antes de volver aos seus domicilios ou centros residenciais. Neste sentido, este servizo funcionará a modo de ponte entre a atención sanitaria e social.

Ademais deste recurso no Cegadi, o Goberno galego abrirá un segundo centro destas características no antigo hospital do Rebullón, en Mos. Estes centros de coidados intermedios públicos forman parte do novo modelo de coidados de Galicia, que ten entre un dos seus eixes fundamentais unha maior coordinación dos ámbitos social e sanitario.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/03/2023