Lete pon de exemplo ao remeiro Cosme Sampedro para concienciar da importancia do deporte na vida na presentación do torneo de fútbol base de Ribeira

O torneo contará coa participación de máis dun milleiro de nenos e nenas ao longo da fin de semana repartidos en 53 equipos autonómicos, nacionais e mesmo internacionais -Braga, Benfica e Porto de Portugal, así como o ESBF Bouafle Academy francés-

Riberia (A Coruña), 23 de marzo de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou na mañá de hoxe a sexta edición do Torneo Internacional de Fútbol Base Congalsa, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e que, nesta ocasión, muda de localidade para trasladarse a Ribeira o vindeiro 20 e 21 de maio no que será “un dos mellores torneos primaverais do deporte galego”.

 

O torneo contará coa participación de máis dun milleiro de nenos e nenas ao longo da fin de semana repartidos en 53 equipos autonómicos, nacionais -Betis, Villarreal, Atlético de Madrid, Zaragoza e Club Deportivo Parquesol- e mesmo internacionais -Braga, Benfica e Porto de Portugal, así como o ESBF Bouafle Academy francés-.

 

Lete Lasa gabou o labor de Julio Mariño, impulsor do torneo, que dende hai un lustro destina boa parte dos ingresos recadados á Fundación Aladina, que traballa en labores de coidado e acompañamento a nenos enfermos de cancro durante todo o proceso da enfermidade. Neste sentido, o mandatario galego lembrou o caso mediático do remeiro de Cabo da Cruz, Cosme Sampedro, que antes de iniciar a tempada 2022 foi diagnosticado cun linfoma de Hodgkin e que tras o tratamento, a dieta, a actividade deportiva e a súa disciplina está a piques de regresar aos adestramentos co seu equipo. Neste sentido, o secretario xeral para o Deporte subliñou “a importancia do deporte e dunha actitude positiva na vida, como un valor que hai que transmitir aos máis pequenos”.

 

O secretario xeral tivo palabras de agradecemento tamén para o Concello de Ribeira e para os principais patrocinadores como Congalsa ou Carregal, así como a importancia dun torneo que ano tras ano, aumenta a súa contribución á Fundación Aladina.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/03/2023