A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, co xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, presentou esta ferramenta de planificación estratéxica para a autoxestión das traídas veciñais

A Xunta dota ao concello de Oímbra dun Plan de abastecemento autómomo para optimizar o funcionamento de 6 traídas que subministran auga a case 1.000 veciños

Ethel Vázquez explica que o Plan posibilita coñecer en detalle de onde sae a auga, con que calidade, se hai problemas de abastecemento e cando se producen

Concreta que o coñecemento dos sistemas de abastecemento autónomo do municipio permitiron facer unha diagnose e planificar as actuacións necesarias para garantir o subministro de auga en cantidade e calidade, recollidas no Plan presentado hoxe

Recorda que esta experiencia piloto tamén se impulsa nos concellos de San Xoán de Río, Baleira, Mondariz, Oia e Cerdedo-Cotobade

Oímbra (Ourense), 24 de marzo de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe que o Plan de abastecemento autónomo de Oímbra dota as 6 comunidades de traídas do municipio dun instrumento de planificación clave para a xestión segura, sostible e resiliente dos sistemas que subministran auga a case 1.000 veciños.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, co xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, presentou hoxe o proxecto final do Plan, que achega ao Concello e aos veciños que xestionan estas traídas que subministran auga a 977 persoas, case o 60 % dos habitantes abastecidos, unha ferramenta estratéxica para a autoxestión das traídas veciñais.

 

Grazas a este Plan de abastecemento autónomo téñense identificado as deficiencias e as debilidades das traídas veciñais de Oímbra, pero tamén as súas vantaxes e fortalezas, e isto permite fixar as pautas para establecer camiños de mellora, apuntou Ethel Vázquez.

 

Explicou que o Plan posibilita coñecer en detalle de onde sae a auga, con que calidade, se hai ou non problemas de abastecemento e en que momentos ese subministro pode estar comprometido.

 

Neste sentido, detallou que en Oímbra se inventariaron 7 sistemas, 6 deles traídas veciñais, e 1 pozo particular; un total de 30 captacións, 8 depósitos, 7 instalacións de tratamento; e máis de 45 km de redes de subministro e distribución.

 

A información recabada dos sistemas de abastecemento autónomo do municipio permitiu elaborar unha planificación coa que poder anticiparse aos problemas, reducindo o risco de que non haxa suficiente auga para atender aos veciños ou que esa auga non sexa da calidade requirida.

 

Polo tanto, concretou, o coñecemento dos sistemas de abastecemento autónomo do municipio permitiron facer unha diagnose e planificar as actuacións necesarias para garantir o subministro de auga en cantidade e calidade, que están recollidas no Plan de abastecemento autónomo presentado hoxe.

 

Recordou que ademais de en Oímbra, a Xunta impulsou esta experiencia piloto en San Xoán de Río; no concello de Baleira, en Lugo; e nos pontevedreses de Mondariz, Oia e Cerdedo-Cotobade.

 

A conselleira lembrou que no caso das traídas veciñais é importante contar co marco xurídico adecuado, para que a xestión se faga con seguridade e garantías. Así, puxo en valor o traballo do Concello de Oímbra, porque todas as traídas están legalizadas.

 

Resaltou que en Galicia as traídas son estratéxicas, xa que moitos núcleos, pola forte dispersión, precisan de solucións autónomas para abastecerse de auga potable. De feito, arredor de 600.000 persoas utilizan pequenos sistemas de abastecemento propios. 

 

A comezos deste ano a Xunta lanzou unha nova convocatoria de axudas para a mellorar o servizo e a calidade das augas das traídas veciñais, cun investimento de 500.000 €, para actuar nas instalacións de captación, potabilización e almacenamento. Son axudas que subvencionan o 80 % do custo das actuacións, ata un máximo de 15.000 euros por proxecto. Con esta liña de incentivos, desde o 2020 outorgáronse 136 axudas por máis de 1,3 M€ para apoiar as traídas veciñais no rural.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade rematou a súa intervención poñendo a Oímbra como exemplo de Concello preocupado por prestar bos servizos da auga aos veciños. Lembrou que o Concello  concorreu ás axudas da Xunta para elaborar o seu Plan municipal de abastecemento fronte a seca e tamén aos incentivos para auditar a rede e atallar perdas na súa rede de abastecemento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/03/2023