O xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe estas instalacións acompañado do alcalde, Manuel Alejandro Lorenzo

A Xunta financiará obras de mellora nas dúas escolas infantís e no centros de día público do Porriño

O investimento nas actuacións programadas nos tres centros ascende a 55.000 euros


Os traballos nas escolas infantís teñen como obxecto aumentar a súa funcionalidade e eficiencia enerxética
 

Así mesmo, renovaranse as fachadas e cubertas do servizo de atención diúrna
 

O Porriño (Pontevedra), 24 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia financiará obras de mellora nas dúas escolas infantís e no centro de día públicos autonómicos que ten en funcionamento no Porriño e que no seu conxunto suman 55.000 euros. Anunciouno hoxe o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, durante unha visita a estes equipamentos na que estivo acompañado do alcalde, Manuel Alejandro Lorenzo.

 

As intervencións programadas nas escolas infantís teñen como finalidade mellorar a funcionalidade e eficiencia enerxética dos inmobles, e desenvolveranse durante o verán para non afectar á actividade nos centros. Así, na escola infantil de Torneiros renovaranse as portas de saída exteriores e a carpintería interior, actuarase nos acabados interiores deteriorados, revisarase a cuberta, limparanse os canlóns e baixantes, pintarase o edificio e colocaranse colgadoiros de roupa nas distintas estancias do centro. As obras tamén afectarán á cociña e comedor do centro, onde se colocará unha nova ventá; así como á sala de reunións, na que se substituirá o pavimento; e aos baños, coa reparación do falso teito e o pintado dos mesmos.

 

Pola súa banda, os traballos na escola Doantes de Sangue centraranse, fundamentalmente, na renovación dos aseos e zonas de cambiador das aulas, na instalación de mobles de almacenaxe e en melloras tanto nos sistemas de aire acondicionado como nos pavimentados da zona de xogo exterior.

 

Centro de día

No que atinxe á intervención prevista no centro de día de maiores, esta consistirá en traballos de renovación das fachadas e cubertas. En concreto, limparase o tellado e arranxaranse os elementos deteriorados do mesmo; e tamén se acometerá o pintado e limpeza da fachada de pedra.

 

Perfecto Rodríguez destacou a importancia que ten a colaboración cos concellos para poñer a disposición dos máis pequenos e dos maiores as mellores instalacións para o coidado e a atención aos mesmos. Así mesmo, recordou que está aberto ata o vindeiro día 5 de abril o período de solicitude de praza nas escolas infantís para o vindeiro curso 2023-2024, no que a atención educativa será de novo gratuíta para todo o alumnado.

 

A execución dos traballos nas escolas e no centro de día correrán a cargo do Concello. O Consorcio financiará o 100% destas melloras mediante a compensación das liquidacións que corresponden abonar ao Concello por estes servizos públicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/03/2023