A Xunta pon en valor os viños, augardentes e licores tradicionais galegos na segunda edición de Revera Vinum

O certame celebrarase os próximo 27 e 28 de marzo en Santiago de Compostela e está promovido pola Asociación Hostalería de Galicia

A Consellería do Medio Rural participa a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, coa colaboración dos consellos reguladores das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas

Levarase a cabo un túnel do viño, no que participarán máis de 80 adegas cunhas 170 referencias, e catas comentadas orientadas a profesionais do sector

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2023

A Xunta porá en valor os viños, augardentes e licores tradicionais galegos no certame Revera Vinum, que se celebrará en Santiago de Compostela os próximos días 27 e 28 de marzo, promovido pola Asociación Hostalería de Galicia.

 

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e coa colaboración dos consellos reguladores, participará en dous espazos deste certame. No túnel do viño, preténdese identificar o potencial vitivinícola galego e poñelo en valor ante os visitantes profesionais, facéndoos conscientes da súa importancia e do seu alcance. Ademais, neste espazo terán unha presenza destacada as marcas premiadas nas Catas de Galicia 2022.

 

Participarán no túnel do viño máis de 80 adegas das denominacións de orixe (DO) Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Valdeorras e a indicación xeográfica protexida (IXP) Val do Miño-Ourense, presentando unhas 170 referencias, das cales 19 corresponden a marcas premiadas nas Catas de Galicia 2022.

 

Mentres, na sala Bodega levaranse a cabo catas comentadas de viños e augardentes e licores tradicionais de Galicia, harmonizadas con outros produtos con indicativo de calidade, orientadas a profesionais do sector, como comerciais, distribuidores e prescritores.

Data de actualización: 24/03/2023