Xunta e empresarios de Ponteceso traballarán da man para conectar oferta con demanda de traballo e dar resposta ás vacantes do mercado laboral

A Asociación de Empresarios de Ponteceso súmase ao sistema de difusión de ofertas do Servizo Público de Emprego de Galicia tras a sinatura hoxe do protocolo de adhesión a esta iniciativa do Goberno galego

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou o acordo co presidente dos empresarios, o que permitirá achegar as ofertas de traballo ás oficinas galegas de emprego e mellorar o seu papel intermediador

Puxo en valor o traballo que se está a desenvolver no Polo de Coristanco, o primeiro en operar na Coruña, e que presta servizo a 29 concellos, entre eles ao de Ponteceso

Ponteceso (A Coruña), 23 de marzo de 2023

A Asociación de Empresarios de Ponteceso súmase desde hoxe ao sistema de difusión de ofertas de traballo do Servizo Público de Emprego de Galicia tras a sinatura hoxe do protocolo de adhesión a esta iniciativa do Goberno galego que busca conectar oferta e demanda para dar resposta ás vacantes do mercado laboral. A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou hoxe o acordo de colaboración co presidente dos empresarios, José Ramón Pombo, o que permitirá achegar as ofertas de traballo ás oficinas de emprego de Galicia e mellorar, deste xeito, o seu papel intermediador.

En palabras de Lorenzana, trátase de xeito efectivo de casar oferta de postos coa demanda para favorecer que o tecido empresarial atope as persoas coas competencias máis axustadas ás súas necesidades, e de que as persoas demandantes de emprego accedan a un posto de traballo adecuado ao seu perfil profesional.

A Xunta de Galicia está a traballar para facer máis accesibles, máis próximos e máis dinámicos os seus servizos de emprego ás persoas traballadoras e ao tecido empresarial. Tamén busca mellorar o índice de empregabilidade e estabilidade laboral da cidadanía, polo que está a avogar pola cualificación profesional ao longo da vida, a través dunha formación flexible e adaptada aos cambios do mercado laboral e dunha orientación e asesoramento personalizado.

Neste contexto, o Goberno galego está implicado na modernización tanto das oficinas de emprego -investindo en equipamento, realizando obras de mellora e adquirindo novas infraestruturas, para o que se están a destinar este ano máis de 3 M€- e na súa dixitalización. Este 2023 tamén se impartirá formación ás persoas traballadoras destas dependencias e se consolidará o servizo propio e permanente de orientación laboral e prospección empresarial, composto por 136 novos profesionais.

Con respecto á mellora da cualificación das galegas e galegos, Lorenzana sinalou que está en marcha a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego que supón un impulso pioneiro na formación. É un gran pacto polas capacidades das persoas traballadoras a través da colaboración público-privada na creación dunha contorna de aprendizaxe permanente, na que actualizar as competencias profesionais das persoas traballadoras en función das novas tendencias e necesidades do mercado laboral.

Polos de emprendemento

A conselleira, por último, referiuse á Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que a Xunta está a despregar por toda a xeografía galega, centros de referencia onde se localizan as actividades onde hai oportunidades de negocio na contorna, ao tempo que se apoia o proceso de posta en marcha da idea empresarial, de principio a fin.

 

En total, a Rede estará conformada por 12 polos, dos que xa están operativos cinco (Ourense centro e sur; Pontevedra norte e Rías Baixas; Costa da Morte; Lugo sur; e Rías Altas e Arco Ártabro), que prestan servizo a 140 concellos. O de Coristanco, que foi o primeiro en operar na provincia da Coruña, está a prestar servizo e apoio desde o pasado ano aos 29 concellos que conforman as comarcas da Barcala, Barbanza, Bergantiños, Fisterra, Muros, Noia, Terra de Soneira e Xallas.

 

Desde a posta en marcha desta Rede, prestouse un asesoramento personalizado e permanente a máis de 220 persoas emprendedoras, axudándolles a desenvolver 209 proxectos empresariais pertencentes a sectores como a agricultura, comercio, transporte turismo, servizos sanitarios e sociais ou xestión de residuos, entre outros. Os profesionais da Rede, ata o de agora, desenvolveron máis de 680 sesións de titorización.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/03/2023