O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural visitaron hoxe a aldea ao abeiro da Semana da Administración Aberta

A Xunta dinamiza o núcleo rural da aldea modelo de Trascastro, no concello do Incio, para contribuír ao seu desenvolvemento económico e á fixación de poboación

A aldea modelo de Trascastro foi a primeira decretada na provincia de Lugo e abrangue unha superficie de 14 hectáreas dividida en 136 parcelas, propiedade de 82 veciños

Nesta aldea estase a desenvolver un proxecto piloto de Plan de dinamización do núcleo rural, a cargo da Fundación RIA, fundada polo arquitecto David Chipperfield, co que se busca reformar o seu núcleo rural

Ademais, no marco dos traballos de dinamización, estase acometendo a rehabilitación de dous apartamentos turísticos ao abeiro dunha axuda da Consellería do Medio Rural para proxectos de investimentos en actividades non agrícolas

O Incio (Lugo), 23 de marzo de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do alcalde do Incio, Héctor Manuel González, visitou esta tarde a aldea modelo de Trascastro -neste municipio lugués-, no marco da Semana da Administración Aberta. Alí destacou os traballos de posta en valor que se están levando a cabo, desde a actividade de gandaría en extensivo ata a dinamización do núcleo rural a través, por exemplo, da rehabilitación de dous apartamentos turísticos.

 

Neste senso, cabe sinalar que en Trascastro estase a desenvolver un proxecto piloto de Plan de dinamización do núcleo rural, a cargo da Fundación RIA, fundada polo arquitecto David Chipperfield. Dito plan busca reformar o núcleo rural desta aldea acorde aos seus elementos patrimoniais e culturais.

 

Precisamente na visita ao núcleo, o conselleiro e demais asistentes puideron supervisar os traballos de rehabilitación de dous apartamentos turísticos emprazados nunha casa con máis de dous séculos de historia. Desta forma, apuntou o conselleiro, non só se recuperan os terreos agrícolas que rodean a aldea senón que tamén se aposta pola dinamización do seu núcleo rural, contribuíndo así ao desenvolvemento económico e á fixación de poboación na zona.  

 

Estes traballos de reforma foron obxecto dunha axuda da Consellería do Medio Rural -a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural- para proxectos de investimentos en actividades non agrícolas, beneficiándose dunha achega de algo máis de 88.000 euros para un investimento de case 200.000 euros.

 

Concretamente, a obra contempla a creación de dous apartamentos turísticos, un que ocupa o nivel superior da casa e que estará composto por recibidor, baño, dormitorio dobre, espazo de salón-comedor-cociña e acceso ao balcón exterior. O segundo dos apartamentos -que ocupa os dous niveis inferiores da casa- estará composto por un recibidor, baño, aseo, dous dormitorios dobres, despensa e un espazo cociña-comedor-salón.

 

Neste senso, o conselleiro sinalou que a través desta orde de axudas apóstase polo reforzamento do tecido empresarial no medio rural, coa finalidade de xerar as condicións necesarias para crear e consolidar emprego e afianzar poboación, con incidencia, desde a entrada en vigor da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, nos proxectos que se desenvolvan nos núcleos das aldeas modelo, como é o caso deste proxecto en Trascastro.

 

Deste xeito, apuntou José González, entre os anos 2016 e 2023 destinouse un orzamento total de 15.135.000 euros ao financiamento destas axudas para investimentos en actividades non agrícolas no medio rural, o que contribuíu a crear 337 novos postos de traballo e a consolidar outros 2.576 empregos.

 

Gandaría en extensivo

Ademais da visita ao núcleo rural, o conselleiro e demais asistentes tamén visitaron a gandaría en extensivo con vaca cachena implantada nos terreos que rodean a aldea. Dita explotación caracterízase pola instalación dun sistema baseado no Internet das cousas para a xestión da gandaría, mediante unha rede de datos que dá cobertura a toda a aldea a través de sensores e que permite recibir información en tempo real. Así, instaláronse -ata o momento- sensores de xeolocalización de gandaría e de sanidade animal, sensores do nivel de auga nos bebedoiros e sensores para detectar problemas nos pastores eléctricos, avisando de calquera incidencia mediante unha mensaxe ao móbil do gandeiro.

 

Estes dispositivos, que están alimentados por placas solares, permiten dar solucións a problemas como a dificultade das comunicacións determinadas pola orografía galega, ao mesmo tempo que se dá apoio ao desenvolvemento do rural galego. Desta forma, grazas ao uso deste tipo de tecnoloxías, contribúese á xeración de valor engadido e á sustentabilidade dos seus produtos, o que favorece precisamente o desenvolvemento de certificacións como a do leite de pastoreo.

 

Cabe sinalar que a aldea modelo de Trascastro foi a primeira decretada na provincia de Lugo e abrangue unha superficie de 14 hectáreas dividida en 136 parcelas, propiedade de 82 veciños.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/03/2023