Augas de Galicia organiza esta semana actividades divulgativas sobre a importancia da auga e o saneamento coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Auga

A Xunta imparte talleres aos alumnos de 1º e 2º de primaria do CEIP Manuel Cordo Boullosa de Ponte Caldelas para concienciar do uso responsable da auga

O alumnado afondou na importancia da auga para a vida e a necesidade de protexela, nas boas prácticas diarias para evitar a contaminación e no funcionamento e características dunha depuradora

Os conceptos trasladáronse con presentacións e unha práctica de descontaminación da auga nuns recipientes, simulando os elementos dunha planta real

Augas de Galicia impartirá tamén mañá un taller similar no CEIP de Ponte do Porto, en Camariñas

O Día Mundial da Auga ten este ano como obxectivo poñer en valor a importancia deste recurso para a vida e concienciar á poboación da necesidade de xestionala de forma sostible

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2023 A Xunta imparte hoxe talleres aos alumnos de 1º e 2º de Educación Primaria do CEIP Manuel Cordo Boullosa de Ponte Caldelas para concienciar do uso responsable da auga. 

O obxectivo é aumentar a sensibilización ambiental entre os máis novos, fomentando a adquisición de coñecementos relativos á contaminación e á depuración das augas residuais urbanas. 

O alumnado afondou na importancia da auga para a vida e a necesidade de protexela, nas boas prácticas diarias para evitar ou reducir a contaminación da auga e no funcionamento e características dunha depuradora. 

Para acadar estes obxectivos, os conceptos trasladáronse a través de presentacións didácticas e visuais, vídeos ou animacións.

Ademais, os rapaces participaron nunha práctica de descontaminación da auga, que consistiu na creación de auga residual nuns recipientes e no simulado posterior dos elementos dunha planta real: filtración, rascado superficial, decantación, aspiración, axitación e aireación. 

Día da Auga

Esta actividade enmárcase nos distintos talleres que Augas de Galicia está a impartir esta semana para conmemorar o Día Mundial da Auga, este mércores 22 de marzo.   

Na xornada de hoxe, ademais deste taller, os profesionais do sector industrial de Meaño asistiron a unha visita guiada á depuradora do municipio para coñecer o seu funcionamento. 

Ademais, mañá, venres día 24, serán os alumnos do CEIP de Ponte do Porto, en Camariñas, os que participarán nos dous talleres que se realizarán, dirixidos a estudantes de 1º e 2º de Primaria. 

No día de onte un grupo de alumnos do Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía-STEAMbach do IES de Brión coñeceron, da man da Xunta, o funcionamento da depuradora de augas residuais dos Praceres, en Pontevedra.

Con estas actividades, a Xunta celebra o Día Mundial da Auga, que ten como obxectivo poñer en valor a importancia deste recurso para a vida e concienciar á poboación da necesidade de xestionala de forma sostible. Este ano a meta é “Acelerar o cambio” e promove o avance na consecución do obxectivo de desenvolvemento sostible 6: “auga e saneamento para todos”, como parte da Axenda 2030.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/03/2023